No Día das Letras Galegas… poesía

Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, é atípico, sobre todo porque non podo asistir a actos públicos de conmemoración que tanto me gustan. Con todo, e a pesar das circunstancias actuais, dende Lecturafilia organizo a miña propia celebración. Sabedes como? A pasada semana realicei unha enquisa en Facebook e Twitter para preguntarvos que vos gustaría máis: unha serie de recomendacións de poemarios en galego, ou un especial sobre María Xosé Queizán. Gañou a primeira opción e, polo tanto, aquí estou, cun lote de recomendacións poéticas. As escollas son totalmente aleatorias, sen un criterio común, pois parten da miña paixón lectora e das descubertas que vou facendo recentemente deste xénero aínda descoñecido para min.

Sutura, de Vanessa Glemsel: un poemario publicado pola editora galego – brasileira Urutau no que, como xa comentei, se transpira verdade, esa que nace do sufrimento e de enfrontarse a sentimentos tan humanos como o amor propio ou cara aos demais. Neste senso aparecen por aquí palabras como ‘psiquiatra’, ‘violencia’ ou ‘morte’, verbas duras que se combinan coa beleza, que é algo que me marabilla sempre.

A herba de namorar, de María do Cebreiro: é fermosa a escrita de María do Cebreiro, sobre todo porque os versos flúen e provocan sensacións necesarias, como o amor e o desamor, a propia conciencia, o corpo e a súa linguaxe, os sentimentos e, sobre todo, a propia inspiración poética. Destaca a diversidade dos estilos empregados, que van desde poemas breves ata outros que se encadrarían niso que se coñece como prosa poética. Deste xeito, o poemario, publicado pola editorial Galaxia, é moi diverso e pode lerse coma un petisco de toda a produción poética que a autora foi publicando ao longo do tempo.

Un libre favor, de Chus Pato: cando leo os versos de Chus Pato, publicados nesta ocasión en Galaxia, atópome con símbolos plenamente identificables e que ten tratado ao longo da súa carreira, como é o caso da defensa a ultranza da lingua e da identidade galegas. Gústame lela porque é quen de xuntar o concreto co abstracto para provocar en nós sensacións revolucionarias.

Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial: un compendio de poemas publicados por Edicións Positivas que teñen o poder de transmitir os sentimentos e a forma de ver o mundo das persoas que habitan as rúas. Uns versos que nos levan á parte máis escura do ser humano, mais que tamén ousan transitar polos recunchos da felicidade. Paréceme marabilloso dedicar un poemario ás persoas ‘sen teito’, porque hai que lembrar que elas tamén posúen dignidade.

Fronteira Paraíso, de Silvia Penas: a autora convídanos a reflexionar neste poemario publicado en Urutau sobre as fronteiras, eses espazos nos que semella non existir nada e, con todo, atopamos confluencias impensábeis. E é que neses non-espazos constrúense as vidas e as nosas lembranzas e pensamentos. Remata o poemario falando da perda do paraíso e do nacemento do poema, aludindo á capacidade das palabras para nomear mesmo aquilo que xa non existe.

Agosto, de Míriam Ferradáns: esta plaquette fala dunha ferida na pel que escoce, dun líquido vermello semellante ao sangue que nos doe. Creo que ninguén consegue evocar tan ben as sensacións e condensar en pouco espazo o que moitas sentimos. Un libro marabillosamente editado por Apiario, de forma artesanal e cunha portada que nos impacta de cheo.

Feliz Idade, de Olga Novo: contén moitísima sabedoría popular, mesturada esta cunha reivindicación moi forte do propio corpo feminino e impactando de cheo en nós con versos que saben a nostalxia mais dos que se desprende, ao mesmo tempo, unha gran ledicia e esperanza nos tempos presentes e futuros. Este é un dos meus poemarios favoritos, os seus versos describen moitas vivencias propias, e a edición de Kalandraka encántame.

Por outra banda, como saberedes, este ano lembramos a Ricardo Carvalho Calero, un home que traballou arreo pola historia da nosa lingua e que teorizou moito arredor do reintegracionismo. Del lin hai moitos anos unha edición da novela Scórpio, aínda que agardo pronto afianzar o meu coñecemento sobre el e ofrecervos a miña opinión máis extensa sobre a súa obra.

Feliz Día das Letras Galegas! Hoxe e sempre!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.