Apertar forte a herdanza percibida, os territorios atopados, as persoas que nos constrúen. Iso é o que me suxire Fronteira paraíso, o último poemario de Silvia Penas Estévez, publicado marabillosamente pola Editorial Urutau, e acompañado dunhas fermosas fotografías de Jesús Andrés Tejada que amplían os simbolismos e a profundidade presentes nos versos.
O primeiro que me vén á cabeza mentres leo este poemario é a obsesión que eu teño por buscar e describir o pasado, case sempre ateigado de morriña e desa sensación de que foi mellor que o presente. Fronteira paraíso describe así o pasado (que aínda é presente nalgúns lugares):
“Así era Paraíso:
Unha serie de liñas simulando o ceo,
a casa con fiestras debuxadas,
o revestimento firme,
vistoso;
un meniño branco,
unha árbore breve,
rostros nas fotos
moitas fotos.
Todo era instante,
todo quietude;
se me movía,
o paraíso
estaba perdido”.
Aí creo ter unha certeza, pero rapidamente se esvaece cando leo esoutros versos que me din que “Estar cega é revisar mil veces o pasado, // mil veces o pasado. / Estar cega é revisar mil veces o pasado / e non atopar a infancia”. Precisamente nesta dualidade entre o ser e o non ser radica a profundidade destes versos, escritos quizais coas dúbidas propias de quen quere avanzar mais sempre existe algo ou alguén que llo impide. Así mesmo, e como a poesía é a mellor arma para afondar nas conciencias, a autora convídanos a reflexionar sobre as fronteiras, eses espazos nos que semella non existir nada e, con todo, atopamos confluencias impensábeis. E é que neses non-espazos constrúense as vidas e as nosas lembranzas e pensamentos. Remata o poemario falando da perda do paraíso e do nacemento do poema, aludindo á capacidade das palabras para nomear mesmo aquilo que xa non existe.
Ficha técnica
Autora: Silvia Penas Estévez
Editorial: Urutau
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 63
Que hermoso es el gallego, lo descubro y me envuelve su rítmica de palabras bellas.
Me gustaMe gusta