«Que me pare o corazón se te esquezo» de Andrea Maceiras

“A meirande parte das historias comezan co primeiro latexo dun corazón. Un son suave e remoto, o sinal dunha vida que se inicia”.

Hai moitos libros que me fixeron lectora, pero se tivera que dicir o momento exacto en que entendín o sentido da literatura foi a raíz da descuberta da colección Fóra de Xogo, da editorial Xerais. Eses libros prenderon en min cando tiña doce anos e acompañáronme ata os dezaoito, con historias que falaban do que me acontecía e preocupaba, dos problemas do cotián, do mundo que eu ía descubrindo. Creo que o éxito desta colección radica precisamente na súa capacidade para conectar coas inquedanzas das persoas que medran e que se enfrontan a un futuro que non comprenden na súa amplitude e que as abruma. Aínda que esa febre xa me pasou, o certo é que de cando en vez gústame moito volver á colección, e un dos últimos títulos que me emocionaron dela foi Que me pare o corazón se te esquezo, un libro co que Andrea Maceiras recibiu o XV Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Co sabor dos mellores libros da miña adolescencia, Que me pare o corazón se te esquezo ten a capacidade de facer da ficción un instrumento para soñar e ao tempo tomar conciencia sobre os nosos medos.

A novela arranca cando Blue Shiva, considerada a deusa das redes sociais, aparece morta na cidade de Nordestal. Este final desconcerta aos miles de fans, que estaban acostumados aos seus retos virais e a que o perigo fose levado ao estremo. Pero o que non sabían as persoas que idolatraban esta personaxe é que detrás dela se agochaba unha rapaza de carne e óso, unha incomprendida, que atopou nas efémeras redes sociais unha válvula de escape. Do outro lado temos a Lúa e a Ada, dúas xemelgas moi diferentes, que se enfrontan tamén a ese mundo que descoñecen e que, ao mesmo tempo, lles resulta fondamente atractivo.

“Pero eles só coñecen unha parte moi pequena de min. Téñenme idealizada. E idealizar alguén supón, no fondo, deshumanizalo”.

Ámbalas dúas historias engarzaranse nun argumento ateigado de intriga, que nos prende ás páxinas sen que poidamos parar de ler, na busca dun final inevitable pero esperanzador. A autora aborda, pois, un dos grandes temas da actualidade, como son os novos sistemas de comunicación, e a soidade que atopamos detrás deles. Pero non o fai dunha forma aleccionadora, nin moralista, senón que nos atrapa coa mesma literatura, co seu ritmo trepidante, con esas descricións dun Nordestal con ceos moi azuis e un frío abismal, e coa linguaxe propia das redes sociais, ademais da riqueza da mestura das diversas voces. Todos estes elementos engarzados fan unha novela inesquecible, que engaiolará ás persoas máis mozas e que tamén nos lembrará aos nosos mellores libros da xuventude ás que somos un pouquiño máis adultas.

Ficha técnica

Título: Que me pare o corazón se te esquezo

Autora: Andrea Maceiras

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2022

Número de páxinas: 221

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.