Feliz Idade

Olga Novo, autora do poemario "Feliz Idade"

Radica unha certa maxia nesa circunstancia na que conflúen a morte e o nacemento. Ambos procesos vitais son totalmente contrarios e, ao tempo, evocan a inocencia, o momento que nos leva a crer que a vida sempre dá voltas e quítanos unhas persoas mentres nos ofrece a posibilidade de coñecer outras.

A poeta luguesa Olga Novo escribe sobre ambos procesos vitais nun poemario que titulou Feliz Idade, nunha clara alusión ao nacemento da súa filla e ao ocaso da vida do seu pai, que nela crearon sensacións de volta ás orixes e de defensa da esencia do día a día. Cada poema prende en nós a chama da reivindicación e da vida. Dividido en seis partes (Fogonazo, Poesía en posición fetal, Zona tigre, Da beleza indómita, Amor es e Harmonía fractal), e escrito cunha beleza moi apegada á terra e ao rural que esmorece e no que tantas raíces ten a autora, os poemas que máis sentimos son eses nos que detectamos as relacións entre a vida e a morte. O amor ao pai que esquece a súa identidade nos momentos finais da súa vida e ese embrión do que xermola unha meniña que continuará co seu legado.

Feliz Idade contén moitísima sabedoría popular, mesturada esta cunha reivindicación moi forte do propio corpo feminino e impactando de cheo en nós con versos que saben a nostalxia mais dos que se desprende, ao mesmo tempo, unha gran ledicia e esperanza nos tempos presentes e futuros.

Agora

eu mírote extasiada mentres dormes

e disólvome no costro fulgurante

coma unha estrela que lle dera de mamar fósforo ao ceo.

E falo na linguaxe que non serve

na linguaxe da sílaba primeira:

deséxoche que sexas amada tolamente

e que ningún poder poida

amainar nunca

a túa

Feliz

Furia”.

Un poema este dedicado especialmente á súa filla Lúa, á que por certo dedica todo o libro, coa certeza de que, en palabras da autora, “medres libre e firme cos pés postos nesta raíz que non te ata, senón que te eleva ás gallas dunha árbore infinda”. Quixera aproveitar esta circunstancia para salientar o papel protagonista que ten o corpo e os instintos máis primarios nestes versos nos que se pon nome a procesos vitais (como o embarazo), que as persoas viven e a literatura poucas veces explorou con tanta sinceridade. É de gran importancia esta idea, pois sobre todo ás mulleres prohibíusenos durante moito tempo nomear os nosos corpos e falar do desexo con naturalidade. Nesta apropiación da linguaxe tamén atopo reivindicación feminista, sen o que non se pode entender a totalidade de Feliz Idade.

O pai ancestral e a filla posmoderna sentados xuntos ao

                                                                  pé dunha pereira

que fan? De que falan? En que punto da historia se

                                                                      reencontran?”

Ler a Olga Novo supón para min unha experiencia novidosa, una revolución íntima e un atoparse continuo en cada verso, nesas chiscadelas aos actos revolucionarios dos nosos antepasados, na necesidade de loita pola liberdade de expresión e o propio idioma, na defensa dos corpos e de falar deles sen (auto)censuras, na reivindicación feminista e na construción dun mundo no que as palabras nos axuden a formar cidadás e cidadáns máis libres. Escrito con esa ensamblaxe perfecta de razón e corazón, Feliz Idade eríxese como una proposta total que vén para espallar luz na negrura actual.

Ficha técnica

Título: Feliz Idade

Autora: Olga Nova

Editorial: Kalandraka

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 145

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.