A herba de namorar

María do Cebreiro, autora do poemario 'A herba de namorar'

Sabemos que entre moitas cousas a poesía é un diálogo cos mortos”. Así define María do Cebreiro o xénero literario que ela practica desde sempre na introdución ao libro A herba de namorar no que, precisamente, recolle textos de poemarios anteriores e outros novos, sen esquecer a homenaxe que lle realiza ás persoas que, en maior ou menor medida, influíron a súa escrita ou que a nutren a diario, caso de Luísa Castro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel Outeiriño, Xabier Cordal, Daniel Salgado, Ismael Ramos ou Xohana Torres.

A herba de namorar constitúe, pois, en palabras da propia autora “un libro que pide ser lido nos termos da nova serie recomposta a partir de materiais rescatados da rúa e dos caixóns, como se fose un ready – made poético, ou un documental de metraxe atopada. Trátase dun convite a tomar cincuenta poemas como se fosen unha baralla de naipes que o lector ou lectora, con sorte, xogará a dispoñer e a cortar nas súas propias cabezas. Deséxolles que sexan ao tempo tan piadosos e implacables como esta muller, que deixa aquí o seu corazón espido, procura selo con canto le e escribe”.

É fermosa a escrita de María do Cebreiro, sobre todo porque os versos flúen e provocan sensacións necesarias, como o amor e o desamor, a propia conciencia, o corpo e a súa linguaxe, os sentimentos e, sobre todo, a propia inspiración poética. Así, atopamos versos moi potentes que buscan respostas ante a complexidade da palabra: “deixei de practicar a escritura en espello, / prefiro a confusión”; “Pero como facer / que as palabras se abran / coma follas?”; “quero escribir para que algo me importe”; “O que menos importa é a fin da historia”. Estes son só algúns exemplos desa voz poética que indaga nos porqués da escrita e que María do Cebreiro manexa á perfección, como fai tamén na diversidade dos estilos empregados, que van desde poemas breves ata outros que se encadrarían niso que se coñece como prosa poética. Deste xeito, o poemario é moi diverso e pode lerse coma un petisco de toda a produción poética que a autora foi publicando ao longo do tempo, desde aquel O estadio do espello, do ano 1998, ata o último Soños. Arquivos. Cartas, de 2018.

Avanzando nas múltiples lecturas deste poemario poliédrico, atopo referencias á memoria e a unha necesidade da autora por reivindicar os recordos e os momentos vividos, moi en consonancia coa sensación de soidade. A poesía eríxese como unha indagación sobre o mundo que habitamos e as nosas preocupacións, por iso creo que nestes versos nos podemos atopar todas as persoas.

E NON TE asentarás. Daquela o teu imperio

Medrará subterráneo, ou será alleo á colonización.

Iso non o fará menos terrible. O sexo

É o único idioma no que prescindirás da ortografía.

Espertarás a admiración e ela será para ti

O contrario do amor. Pero no amor que espertes

Tamén haberá ira e a ira será unha estraña recompensa.

Ven onda min’, dirás. ‘Eu non son máis

Que una boneca de auga’. E ninguén te crerá”.

Ficha técnica

Título: A herba de namorar

Autora: María do Cebreiro

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 140

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.