“Nunca
ninguén
nos agarda.
Xamais preguntaron por nós”.
Dedicar un poemario aos ‘sen teito’ paréceme marabilloso, unha reivindicación do dereito a seren persoas, a sentiren medo e a impresionarse ante o día a día. Deles e delas fala Rosalía Fernández Rial nos versos de Vinte en escena, que se ensamblan á perfección coas ilustracións de Mon Lendoiro e María José Costa Valiño “Chiña”, e que nos fan pensar nun produto artístico en sentido amplo.
Recoñezo que en moitos momentos da miña vida reflexionei sobre as razóns que levan a unha persoa a ficar na rúa, a sobrevivir á friaxe e a soportar a estigmatización da sociedade. Cando paseaba polas rúas de Santiago, sendo eu aínda estudante, pensaba en que momento todo se rompía na vida rutineira dunha persoa e se perdía todo, mesmo a dignidade e a identidade. Supoño que algo diso pasaría pola mente de Fernández Rial cando decidiu escribir un compendio de poemas que teñen o poder de transmitir os sentimentos e a forma de ver o mundo das persoas que habitan as rúas. Uns versos que nos levan á parte máis escura do ser humano, mais que tamén ousan transitar polos recunchos da felicidade.
Porque…
“So os que estamos sen teito
Os versos recreados pola autora sitúanse no marco da poesía comprometida, da que pon o foco nas inxustizas e tenta loitar desde a arte contra elas. Acaso non é máxico que as persoas invisibles deixen de selo para nós? Acaso a literatura non ten esa capacidade de centrarse nas pequenas cousas para levarnos ás grandes? Aí reside a capacidade mobilizadora deste libro que, por certo, se le axiña e se asimila máis devagar.
Vinte en escena é un exemplo máis da versatilidade da autora muxiá, quen concibe a arte como a combinación de múltiples conceptos e como unha mestura entre cine, música, imaxes e literatura; un aspecto que se salienta en moitas ocasións por parte da crítica e que se pon de manifesto nos recitais desta poeta, que transpira poesía por cada un dos poros da súa pel.
“Para os que non temos siso
rúa é
unha camisa de forza
Asfixiante.
Perversa”.
Ficha técnica
Autora: Rosalía Fernández Rial
Editorial: Positivas
Ano de publicación: 2012
Número de páxinas: 53