Prodúceme un certo arreguizo ler sobre a morte, sobre as enfermidades mentais e, a pesar diso, sei que debo facelo. Porque afastarme da realidade non me libra dela. Xa sabedes que sempre me deixo levar polas reflexións internas cando descubro un poemario, porque quizais é neste xénero onde máis xoga a interpretación e as experiencias vitais de cadaquén.
Nestes días leo moitísima poesía da man da editorial Urutau, quen puxo todo o seu catálogo dixital á nosa disposición previo pagamento de achegas voluntarias que axuden a soster este proxecto miúdo e moi necesario. Quixera destacar esta xenerosidade e tamén deixar claro que, se cremos nalgo temos que apoialo.
Despois dos títulos de Libro de horas, de Rebeca Baceiredo, e de Náufragas no mar e na terra, de Elisabeth Oliveira, déixome levar agora por Sutura, coa que descubro a voz tan potente e verdadeira de Vanessa Glemsel, á que coñecía por formar o espectáculo de poesía oral Dúas gamberras, xunto á tamén poeta Nuria Vil. Neste seu primeiro poemario, acompañado das ilustracións de Davida, atopamos versos que nos levan directamente á dor. Así comeza:
“deitada no chan da cociña, inmóbil, imito a morte”.
Nesta frase condénsase a esencia do que é Sutura, un poemario no que, como xa comentei, se transpira verdade, esa que nace do sufrimento e de enfrontarse a sentimentos tan humanos como o amor propio ou cara aos demais. Neste senso aparecen por aquí palabras como ‘psiquiatra’, ‘violencia’ ou ‘morte’, verbas duras que se combinan coa beleza, que é algo que me marabilla sempre.
“hai tempo que decidín a morte
escollín a enfermidade para vomitala –amodo – basta
sobre cada estrutura fractal desta existencia en desacougo”.
Sutura concíbese tamén como unha reivindicación, un berro colectivo, ese que resoa cando aprendemos a non cargar co silenzo e a nomear o que sempre estivo aí e foi invisible. Porque xa basta de falar a media voz das enfermidades mentais, de agocharnos, de sentir vergoña.
Ficha técnica
Autora: Vanesa Glemssel
Editorial: Urutau
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 52