Na busca da propia identidade, sempre me deixo acompañar por poemarios que escriben o que sinto, que berran ben alto as contradiccións nas que habitamos como persoas. Uralita vén a ser iso: un proxecto reivindicativo da actriz Iria Pinheiro e da poeta María Lado, dúas amigas artistas que decidiron xuntar as súas arelas e loitas para crear un poemario que ben podería definirse como un alegato de defensa do mundo que se vai e que tamén pon en evidencia o cinismo actual.
Descubro estes versos nuns días estraños nos que, como xa comentei en abondosas ocasións, me cuestiono todo e indago na necesidade que temos como pobo de habitar os espazos que nos deixaron os nosos maiores. Como a avoa cherokee que aparece no poemario de Piñeiro e Lado, esa muller forte que representa un pouco a todas as que viñeron antes ca nós e sobreviviron nunha terra asoballada e ultraxada polos poderes fácticos e por unha sociedade patriarcal, centralista e, cada vez máis urbanita. Neste sentido, os versos parten desa xenreira persoal, desa raiba que non se contén e que supura como veleno que precisamos para tomar conciencia. Porque, de verdade, as persoas que habitamos o rural non somos parvas nin menos intelixentes que as que deciden vivir na cidade. E, ás veces, crédeme, cómpre reivindicar esta idea, coa mesma forza que se fai neste libro.
“Entiendes gallego pero no lo hablas por puto autoodio.
Odias a aldea da que viñeches, a bosta, o pueblo, os cochitos de choque.
Odias Lalín, Lugo, Ourense porque che parecen provincianos, conservadores y luego El Rocío que te parece? Exótico? Las Indias Orientales?
Ese parquecito de aire imperial donde pasean las familias de la capital no es provinciano, gilipollas?
O es que te parece un puto cuatro de Renoir?!
PARVO.
Mete no cu o teu puto autoodioo. A uralita.
PARVO”.
Como se observa tamén nos versos anteriores, as autoras escriben cunha clara conciencia de país, e tamén claman polo dereito a tomar as propias decisións, sen que manden en nós e lexislen sempre sen ternos en conta. Uralita concíbese, pois, coma un berro individual que nos leva ao colectivo, e consegue que moitas nos sintamos identificadas con estas sensacións, coas situacións tan surrealistas que propón, coas inxustizas e con ese sentimento de crer estar sempre ao dispór dos demais. Reflexiónase nel sobre o autoodio, as desigualdades de xénero, o desleixo do rural, os montes ateigados de eucaliptos, as aldeas que esmorecen… e, aínda que poida parecer o contrario, no fondo atopamos un devezo de esperanza, expresada nas propias palabras das autoras, tanto ao comezo como ao final do libro.
Quizais o mellor que che pode pasar ao ler este poemario é querer berrar ben alto: non nos calarán!
Ficha técnica
Título: Uralita
Autoras: Iria Pinheiro e María Lado
Editorial: Cuarto de Inverno
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 82