Entrevista Patriza Portopaderne, da Libraría Lila de Lilith: «Nós facemos un filtrado previo de todos os libros que recibimos para que encaixen na filosofía da libraría»

Patriza Portopaderne, da Libraría Feminista Lila de Lilith

Hai seis anos que Patriza Portopaderne rexenta a Libraría Lila de Lilith, un establecemento cunha clara concepción feminista, situado na rúa das Travesas, no casco histórico de Santiago de Compostela. Este lugar xorde nese momento no que se produce un salto na conciencia de xénero, e parello a outras iniciativas semellantes que xa estaban funcionando no conxunto de España. A Lila é hoxe en día un referente para as persoas que busquemos libros sobre o feminismo ou outros nos que as mulleres sexan as protagonistas, é ese cuarto propio de Virginia Woof e de todas nós. E non só no que a libros se refire, senón que está concibida como un lugar de encontro no que se organizan presentacións de libros, clubs de lectura, charlas etc.

Pregunta (P): Como se che ocorre a idea de montar unha librería feminista?

A idea nace vendo outras librarías feministas e gustándome moito a proposta que fan. Partimos dun proxecto previo onde traballabamos a educación desde a perspectiva de xénero. Eu veño do mundo da educación social e son experta en xénero, no proxecto orixinal de Lilith traballabamos un equipo interdisciplinar para centros de ensino e concellos principalmente. Cando se recortou dun xeito tan contundente tanto en igualdade como en educación chegou o momento de reinventarse. Eu gostaba moito da idea da “libraría de mulleres” como centro de intercambio das mulleres, dos feminismos, das escritoras, etc.. e decidínme a crealo con axuda de moitas outras compañeiras.

(P): A que tipo de público chegades desde a Lila?

Coido que chegamos a un público bastante amplio. Se tiveramos que definir poderiamos dicir que, ademais de persoas interesadas na lectura en xeral, veñen principalmente: mulleres concienciadas co feminismo, militantes ou non; veñen tamén moitas profisionais que queren asesoramento desde a nosa perspectiva, sobre todo profesorado, axentes de igualdade, educadoras, etc.. e tamén persoas que desde o mundo académico están a facer estudos coa perspectiva feminista.

(P): De onde xorde o nome do establecemento?

O proxecto do que provemos, que comentamos antes, chámase: Lilith. Acción Social e Educativa. Quixemos manter a referencia á raiz, así que mantivemos o de Lilith (a primeira muller creada por algún deus que se rebelou ante a dominación masculina). O de “lila” é unha adaptación que fixemos da cor da loita das mulleres (violeta, morado) para que todo xunto formara unha especia de aliteración, e así conectar coa parte máis literaria do proxecto.

(P): A filosofía das librarías hoxe en día pasa máis polo achegamento ás persoas, pola organización de eventos literarios… Como a concibes ti?

Concordo. Na traxectoria da Lila son fundamentais os eventos que se organizan, case, cada semana. Dinamiza moitísimo a libraría, ademais de servir de plataforma de intercambio, de creatividade, de coñecemento, de loita, etc..

(P): Que libros ou xéneros recomendades máis?

Nós facemos un filtrado previo de todos os libros que recibimos para que encaixen na filosofía da libraría. De aí obtemos as categorías nas que dividimos os andeis da Lila. Adoitamos recomendar moito, porque nolo piden, ensaio para comezar a mergullarse no feminismo, tamén recomendamos moita LIX coeducativa, moitas veces para bibliotecas de centros de ensino ou bibliotecas públicas, e, obviamente narrativa e poesía. Das nosas imprescindíbeis en galego podemos salientar: Feminismos de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais), Machismos, de micro nada de Fiadeiras (Embora) ou Circe ou o pracer do azul de Begoña Caamaño (Galaxia)… só por citar uns pouquiños.

(P): Con seis anos xa ás costas, poderías dicirnos como sobrevive unha libraría en tempos de crise?

O certo, é que hai unha actitude de resistencia moi forte e unha aposta clara polo proxecto a pesares das dificuldades.. non foi fácil…

(P): Os soños sempre se fan realidade?

No meu caso podo dicir que si, e que, a día de hoxe, son unha libreira feliz.

(P): A Lila ten un sistema de socios/as, ¿como funciona?

Trátase de que as persoas socias van facendo un ingreso mensual na conta da Lila, nós vamos tomando nota do ingresado, e cando compran libros réstaselle do que puxeron, é unha especie de peto. A libraría non fica con nada deses cartos, mais é un sistema óptimo para termos un “colchón” en cada inicio de mes, e, polo tanto, para a supervivencia do proxecto.

Unha imaxe de arquivo da Libraría Lila de Lilith

(P): Na actualidade están xurdindo moitas iniciativas editoriais que pulan pola recuperación de voces femininas. Despois de tanto tempo silenciadas por fin nos deixan falar. Poderías falarnos dalgunhas das propostas máis interesantes?

Si, achamos que é unha cuestión de xustiza recuperar as aportacións e as vidas das mulleres na historia. Moitas delas borradas de xeito consciente. Precisamos ter unha historia o máis completa posibel, e, sen mulleres, está claro que non o é. Era bo que as iniciativas editoriais que está habendo, froito, por certo, do traballo das historiadoras feministas, traspasasen as paredes dos centros de ensino e se normalizara o estudo e coñecemento das nosas predecesoras. Podemos salientar unha proposta da editorial Urco coa que colaboramos: a colección Mulleres Bravas da nosa Historia. Neste sentido parécenos importante sinalar que se trate de recuperar ou facer relecturas da vida e obras de mulleres galegas, e tamén, o feito de que a editorial contase con unha equipa de corrección de xénero, entre as que estamos, para garantir un mínimo de rigurosidade. É importante que se publiquen biografías de mulleres mais tamén é moi importante como se fan, que haxa unha perspectiva feminista apoiando o texto e as ilustracións, non todo vale.

(P): Unha boa libreira pode definirse hoxe en día pola súa labor de prescritora. Por iso me atrevo a preguntarche, que libros son idóneos para iniciarse no feminismo?

Por fortuna hai moitas opcións segundo o nivel de lectura que se queira facer, máis entretido ou que profundice máis, e tamén segundo a temática desde a que se quere abordar o tema (historia, sexualidade, saude, economía, etc) Adoitamos recomendar para iniciarnos en galego os que nomeamos antes: Feminismos (Xerais), Machismos, de micro nada (Embora) e mesmo Circe ou o pracer do azul (Galaxia), más tamén recomendamos a Nuria Varela, especialmente Feminismo para principiantes, agora ademais con edición ilustrada, ou Historia ilustrada de la Teoría Feminista, de Ana de Miguel y Marta de La Rocha, as clásicas como Virginia Woolf ou Simone de Beauvoir, e xa noutro tipo de discursos Virginie Despentes con Teoría King Kong, Barbijaputa con Machismo, 8 pasos para quitártelo de encima ou 10 ingobernables de June Fernández. Outro best-seller da Lila é o Calibán y la bruja de Silvia Federici, publicada por Traficantes de Sueños. En narrativa, por exemplo, Chimamanda Ngozi Adichie, ou as galegas María Reimóndez, Eli Ríos, Emma Pedreira, Susana Aríns, Andrea Barreira, María Xosé Queizán, tamén en poesía Arancha Nogueira, Lara Rozados, Marilar Aleixandre, Andrea Nunes Brións, etc.. hai moitísimo para ler e aprender!

(P): Nas librarías sempre se dan situacións curiosas ou graciosas. Lembras algunha?

Adoita ser gracioso cando alguén non lembra o título dun libro e facemos un xogo de pistas para que eu adiviñe: era vermello, aparecía a palabra muller, viuno a miña amiga no escaparate hai un mes, etc… é moi divertido!

(P): Que eventos ou actividades tedes programadas a medio e longo prazo na Lila?

Precisamente hoxe, 29 de setembro, estaremos en dúas feiras: na I Feira Feminista de Barbadás e na II Feira de Rosalía de Castro en Compostela, organizada pola Deputación da Coruña. Ademais disto acollemos un obradoiro de escrita co colectivo Versos Soltos, e o Clube de Lectura Feminista da Sega + A Lila, a partires de outubro. Acollemos, tamén, dúas fin de semanas en outubro o curso de fotografía feminista Ffotoeduca de Mariola Mourelo.

Ademáis disto, seguimos coa área de educación e igualdade e, estamos a levar a cabo obradoiros de formación para profesorado sobre Contos coeducativos nos CFORes, e tamén para as bibliotecas Municipais da Coruña, no marco da celebración do 35 aniversario do COF.

(P): Como ves o futuro da literatura e das librarías? En negro ou esperanzador?

Coido que estamos en tempos de cambios profundos e que o sector dos libros se está a reinventar e adaptar.. adoito ter unha visión optimista, en xeral, da vida, e desto tamén, non sei se serei ilusa. No futuro sigo vendo moita literatura, se cadra moita de masas, más tamén moita comprometida e de calidade, tamén sigo a ver as librarías como lugares de encontro e onde, ademais de poder comprar libros, sigan sucendendo outras cousas importantes, para as persoas e para as comunidades. Teño que dicir, ademais, que ademais de velo “negro” como algo positivo, tamén o vexo lila e coas cores do arco da vella, entre outras!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.