Aínda resta moito camiño por facer nisto da visibilidade das mulleres en todos os eidos da vida, máis concretamente nas artes. Por iso hai que dar os parabéns a editoriais valentes coma Urco Editora, especializada sobre todo na fantasía, que ten no seu catálogo un fermoso proxecto literario coñecido como “Mulleres bravas da nosa historia”, que se compón polo de agora das historias de Rosalía de Castro, Maruja Mallo e María Victoria Moreno. Unha sensación de felicidade me embargou cando fai unhas semanas, un venres calquera, me trasladei ao campo recentemente segado e xa con migallas da chegada do outono, e alí descubrín estas mulleres bravas vistas nas ilustracións de Eva Agra, e redactadas respectivamente para o público infantil por María Lado, Elvira Ribeiro e Eli Ríos.
Nese espazo infantil no que tantas veces rematara historias dos “Cinco” en tan só unha tarde, revelóuseme que tan pronto como tivese fillos/as contaríalles sobre as vidas destas mulleres que tanto fixeron pola nosa terra e a nosa cultura e ás que o sistema do patriarcado deu en silenciar, ou simplemente en ofrecernos unha presentación velada polas súas relacións cos homes. Tanto Rosalía coma Maruja e María Victoria son parte da nosa historia, desa mesma que non lles permitiu todo o recoñecemento que se merecerían.
Esta colección, que continuará este outono cun novo volume no que Ledicia Costas falará de Pepa A Loba, ten como eixo fundamental o achegamento destas mulleres e da súa importancia ao público infantil, xa que ademais de contar quen foron, inclúe unha serie de pasatempos sobre o tema en cuestión para facer reflexionar á rapazada, ao tempo que avogan polo divertimento.
Non deixa de ser unha aposta arriscada, pero moi necesaria que viu refrendado o seu apoio social coas achegas económicas que fixeron moitas persoas no marco da campaña de crowdfunding, e ás que a editorial dá as grazas coa inclusión de todos os nomes dos mecenas ao remate dos libros.
Estas mulleres bravas van vendo pouco a pouco recoñecidos os seus méritos. Este ano hai que destacar dúas novas importantes que dotan a estes libros de maior importancia e oportunidade. A primeira é a homenaxe a Maruja Mallo neste ano no que a Real Academia das Artes lle dedicou o Día das Artes Galegas; e a segunda, é a boa nova de que a Real Academia Galega decidise que as Letras Galegas do 2018 fosen para María Victoria Moreno, xusto cando fai tantos anos que non se homenaxea a unha muller.
Non quixera deixar de concretar o que simbolizan as tres mulleres na nosa historia:
Rosalía de Castro (1837-1891): autora que fixo rexurdir a lingua galega e deixar atrás eses anos escuros que nunca deberon existir, destaca por escribir dous dos poemarios máis recoñecidos das nosas letras: Cantares Gallegos e Follas Novas, nos que se observan un cante á terra que a viu nacer e unha forte crítica social.
Maruja Mallo (1902-1995): foi unha artista rompedora e destacada do movemento das vangardas, cunha preocupación polas cores vivas, as formas xeométricas e que fixo de si mesma un personaxe, amais de representar nos seus lenzos as inxustizas sociais.
María Victoria Moreno (1941-2006): lembro a lectura do seu libro Anagnórise cando era unha rapazola, e nel exprésanse as grandes preguntas dos adolescentes e as súas respostas, público ao que ela atendeu dende ben nova. Aínda que non era galega, sempre defendeu a nosa cultura e lingua con afouteza, así como as mulleres ás que sempre tentou dar voz dende a súa literatura.