María Reimóndez é unha das grandes referentes da literatura galega actual, e unha firme defensora da perspectiva feminista en todos os ámbitos da vida. Por iso, cada vez que lemos unha novela súa sempre atopamos esa ideoloxía de xénero que actúa como compromiso social. Porque ela concibe a literatura como unha ponte para tender lazos coa sociedade e un instrumento a través do que falar do que lle preocupa. Obsérvase esta idea nas súas novelas longas, na súa poesía e tamén nos formatos máis curtos, como é o caso d’ A dúbida, coa que gañou o XIV Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, e polo tanto concibida cun formato moi breve no que, a pesar das súas esixencias técnicas, explora temas de candente actualidade: os abusos sexuais e a corrupción política, tecendo un argumento moi áxil no que cada mínimo detalle contribúe na acción.
Para entender esta novela hai que ter en conta a fórmula coa que está creada, pois foi escrita cun número limitado de caracteres por capítulo, e aí radica a súa complexidade na propia concepción. Unha característica que, no entanto, potencia a acción e a trama psicolóxica que xira arredor dos personaxes, sobre todo a da protagonista principal: esa muller que é sorprendida na súa casa pola policía que vén deter o seu home por un presunto delito de abusos sexuais. Desde ese primeiro momento, catalizador do primeiro capítulo, a muller entra nunha espiral psicolóxica na que se debate internamente sobre a posibilidade de que o marido, que ela cre coñecer moi ben, cometese realmente ese delito.
O punto máis forte desta historia de Reimóndez radica nesa voz da muller que lembra como coñeceu a ese marido aparentemente perfecto e en que momento se produciu esa situación na que se atopa. Esta voz podería ser, pois, a de moitas mulleres que ao longo do tempo o poder e a sociedade mantivo invisibilizadas, impedindo, pois, que a súa independencia prosperase nun tempo, aínda o de hoxe, no que os homes continúan gozando de impunidade ante certas cuestións.
Reimóndez manexa un ritmo áxil e cunha dose de intriga moi potente que fai que o libro sexa case de lectura obrigada para un par de horiñas. E ao rematalo, os lectores e lectoras quedaremos axexando e facéndonos preguntas, sobre todo arredor de canto coñecemos ás persoas que nos rodean. Unha vez máis, a literatura é quen de poñer o foco nos puntos febles da sociedade.
Ficha técnica
Autora: María Reimóndez
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2016
Número de páxinas: 134