
Cando era pequena lembro esas tardes nas que fuxía do mundo e me refuxiaba no medio da herba seca das veigas que rodeaban a miña casa. Facíao premeditadamente, xa que buscaba ese espazo salvaxe para gozar da lectura das aventuras de Los Cinco, eses libros tan xeracionais que creou o gran Enid Blyton, ou de Verano Azul, esa serie que marcou un tempo na televisión española. Esas historias permitiron a moitas persoas de diferentes xeracións deixar escapar a imaxinación a outros mundos.
Hoxe en día xa poucos libros se escriben que me permitan capturar sensacións semellantes, pero hai escritores que aínda cren que o espírito de Los Cinco pode ser recreado de novo. Así o sentín por un instante cando lin Ons, o libro de Carlos Meixide que conta as aventuras de catro amigos galegos nun verán na illa de Ons, a que é a illa máis salvaxe, e pola que eu sinto tanta paixón.
Ten esta illa una historia moi interesante, da que xa escribín un artigo neste blogue. Desde que a descubrín, non deixo de ler todos aqueles libros que falen dela, directa ou indirectamente.
Ons é una novela autopublicada, dirixida principalmente a un público lector máis ben mozo, aínda que fai soñar a todo o mundo que se achegue a ela. Por aquí desfilan os catro amigos, que se inician na amizade e o amor, e comparten as experiencias tras a descuberta dun misterio que rompe a calma desta illa. E logo están os adultos, tanto as persoas que rexentan os dous locais hostaleiros da illa como o garda civil ou a estrambótica parella de madrileños que busca en Galicia as rarezas máis grandes. O que o autor quixo foi falar desde o mundo xuvenil, de aí que as persoas adultas parezan un pouco apaioladas por momentos. Meixide permitiuse esta licenza, pois tal e como recoñeceu na presentación do libro en Bueu, “non quero medrar”. O tamén humorista explicou que esta novela naceu dunha idea que lle lanzou un alumno do instituto buenense Johán Carballeira, cando fai uns anos fora presentar un libro anterior.
A novela de Ons percorre os escenarios principais desta illa e fai recoñecible calquera dos recunchos explorados: o Burato do Inferno, a praia de Melide, praia de Canexol, A Laxe do Abade… E acompañando o libro, unhas fantásticas pinturas de María Meijide na portada e na contraportada, que enchen aínda máis de maxia esta historia.
Despois desta experiencia nas Ons, o autor xa anunciou que a vindeira aventura será en torno ao recoñecido festival de Cans, así que estade atent@s.
Ficha técnica
Autor: Carlos Meixide
Ano de publicación: 2015
Editorial: Autopublicación
Número de páxinas: 168
Se che gustan as illas Ons e as mellores historias de amor, Namoreime en Ons de Staffan Mörling é unha boa escolla para este verán.