Nesta semana seguimos apostando pola cultura e, máis concretamente, pola literatura, para facernos a vida un pouquiño máis agradable. Onte publiquei un artigo con recomendacións de libros en castelán que me fan feliz e, como non podía ser doutra forma, hoxe é a quenda de libros en galego que tamén nos achegan boas vibracións para estes días estraños.
Viaxemos xunt@s coa mente. Imos?
1. Unha lectora fóra do común, de Alan Bennett: traza con ironía os inicios na lectura dunha raíña que se atopa por casualidade co furgón dunha biblioteca móbil diante do Concello de Westminster. Ela, que nunca antes se caracterizara por ser unha lectora asidua, comeza a coller libros por casualidade, ata converterse nunha lectora habitual. Cunha ironía moi marcada, AlanBennet traza unha parábola sobre o que nos sucede á maioría dos lectores, que collemos unha novela como ao azar e rematamos por non saber vivir sen ler. Si, vivir é coma unha adicción, pero debe ser a única que non fai dano.
2. Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales: Marina, Carmela, Sara e Viviana falan cun contestador automático, ao que lle contan as súas penas, e nas que se traza unha reflexión arredor do silenzo social. A autora consegue facernos partícipes destas catro vidas, esgazadas por sucesos moi diferentes, pero trazadas cun ritmo trepidante, a través desas escenas cotiás que conseguen ata facernos rir. Porque si, é posible mesturar a tristura con outros sentimentos esperanzadores e transformar realidades coas palabras.
3. Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira: fálase aquí da paixón literaria, unha paixón vista desde o humor máis intelixente, desde unha perspectiva nada nostálxica, senón máis ben de risa e ata de protesta nalgúns casos. Temos aquí historias nas que a voz narradora declara que escribe para non engordar, mulleres que confesan os seus pecados tras ler aos rusos en vez de a Biblia, outras que escriben cartas a escritores dos que admiran a súa literatura, e ata unha relación de epitafios orixinais e incribles que se atopan en determinadas tumbas.
4. As miñas nanas negras, de Amalia Lú Posso Figueroa: o que a globalización fai é que desapareza precisamente esa riqueza inmaterial que cada pobo depositou ao longo do tempo para a súa propia supervivencia, e por iso estes contos de Amalia Lú saben tamén a reivindicación polas aldeas e polas xentes, fuxindo deses mundos artificiosos e levándonos aos máis sinceros.Estamos diante dun libro para gozar, para ler devagar e pousar a lingua en cada unha das palabras, sobre todo neses comezos que nos levan a pensar nos contos tradicionais, mudando o “érase unha vez” por “tiña o ritmo en”. Mais tamén resulta un libro provocador, que nos fala do sexo máis primario, apegado incluso ao terreo do instinto animal, iso si, mesturado cun realismo máxico que nos lembra moito á literatura de Gabriel García Márquez.
5. Canción de solpor, de Lewis Grassic Gibbon: estamos diante dunha historia para sentir, un testemuño de amor cara á terra que poucas veces alguén escribira con tanta delicadeza e coñecemento. Nunha vila do rural escocés de comezos do século XX, a moza Chris Guthrie terá que sobrevivir e debater continuamente entre a súa querenza polo lugar que a viu nacer e as ansias que sente de aprender a través dos libros e a educación. A novela está escrita neses anos nos que a os avances técnicos recalan para cambiar a forma de vida tradicional na que o día a día estaba organizado no rural, en función do medio natural e da climatoloxía.
6. A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey, de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows: é deses libros que te fai sentir ben, literatura feelgood como se adoita coñecer, e aínda que as vivencias duras da guerra estean presentes, os libros aparecen como unha sorte de garantes da felicidade. Arredor deles nace esa tertulia literaria en Guernsey, primeiro como unha vía de escape e un mecanismo de defensa nos duros tempos da Segunda Guerra Mundial, e despois como unha rutina e unha forma de xuntárense todos os veciños e veciñas e falar de libros e da vida en xeral. Un dos mellores libros metaliterarios que lin.