Canción de solpor

E entón, alí, na agra enchoupada, invadiuna un estraño pensamento: que absolutamente nada permanecía, nada máis que a terra pola que unha pasaba, remexía e daba voltas e mudaba perpetuamente baixo as mans das xentes labregas desde que as máis antergas delas afincaran as Pedras fitas onda a lagoa de Blawearie e subiran alí nos seus días santos e contemplaran as súas colleitas en socalcos cabalgando, orgullosas, con vento e con sol. O mar, o ceo e a xente que escribía e loitaba e aprendía, ensinaba, dicía e rezaba non duraban máis que un alento, unha guedella de brétema nas montañas, pero a terra era para sempre, movíase e mudaba debaixo de ti, pero era para sempre, estabas perto dela e ela perto de ti, non te mantiña a unha desoladora distancia e te fería”.

Veño de rematar un dos libros máis fermosos e tristes que lese en moito tempo: Canción de solpor, de Lewis Grassic Gibbon, un dos clásicos da literatura escocesa traído ao galego da man de Irmás Cartoné cunha portada que non canso de observar e de sentir. Porque, xa sei que diredes que é unha obviedade, mais estamos diante dunha historia para sentir, un testemuño de amor cara á terra que poucas veces alguén escribira con tanta delicadeza e coñecemento. Nunha vila do rural escocés de comezos do século XX, a moza Chris Guthrie terá que sobrevivir e debater continuamente entre a súa querenza polo lugar que a viu nacer e as ansias que sente de aprender a través dos libros e a educación. A novela está escrita neses anos nos que a os avances técnicos recalan para cambiar a forma de vida tradicional na que o día a día estaba organizado no rural, en función do medio natural e da climatoloxía.

Nun medio hostil e tranquilo a un tempo cóntasenos os avatares da vida desta rapariga que ten que facer fronte a unha serie de circunstancias vitais que repercutirán na súa forma de concibir o mundo, ante o que irán mudando as súas ilusións. Arredor dela atopamos ás outras persoas da vila, uns personaxes que achegan cor e potencian o argumento desta novela que retrata a fin dun momento e a nostalxia que produce, así como o impacto que a Primeira Guerra Mundial tivo nas sociedades europeas.

Canción de solpor é marabilloso, sobre todo por esa poesía coa que o autor é quen de describir unha vila que vivía do campo e cuxo calendario era marcado polas tarefas da plantación, como a sacha, a sementeira e a colleita, tras das que poderiamos ver tamén o crecemento das persoas e das vilas. Por este motivo, e por defender unha forma de vida sosegada e de intercambios humanos, é unha novela que todos e todas deberiamos ler hoxe en día, cando semella que se esqueceu de onde vimos.

Persoalmente sempre pensei que hai momentos na vida nos que é preciso sentarse, botar o freo e voltar ás orixes para saber o camiño que queremos transitar. E o rural ten moito que ensinarnos da esencia da vida. Por iso a min me emocionou moito a historia deste libro, xa que ao igual que a protagonista, nalgún momento tamén tiven que reflexionar sobre as miñas orixes e a súa importancia. Ah! E tamén porque é un libro cunha protagonista feminina moi potente que, aínda que se sente obrigada coa familia, realiza pequenas accións en busca da súa individualidade.

Se nacese neno nunca tería que ter aturado esas cousas odiosas, tería arado as leiras e visto de drenalas, tería vivido e vivido, subido as montañas de pastora e xamais tería que amolarse facendo camas nin fregando potas”.

Ficha técnica

Título: Canción de solpor

Autor: Lewis Grassic Gibbon

Editorial: Irmás Cartoné

Ano de publicación: 2018

Número de páxinas: 313

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.