Hoxe vénme á memoria un día no que unha persoa me preguntou os porqués de que eu lese tanto, de se realmente a lectura ofrece vantaxes. Nese momento fiquei calada, cunha impotencia tal que se viu aumentada cando a mesma persoa me soltou que “ler é unha perda de tempo”. Xa van uns cantos anos, mais agora atopei un libro que lle recomendaría á persoa en cuestión para que soubese en moi poucas páxinas o moito que a lectura pode conseguir.
Unha lectora fóra do común traza con ironía os inicios na lectura dunha raíña que se atopa por casualidade co furgón dunha biblioteca móbil diante do Concello de Westminster. Ela, que nunca antes se caracterizara por ser unha lectora asidua, comeza a coller libros por casualidade, ata converterse nunha lectora habitual
Cunha ironía moi marcada, AlanBennet traza unha parábola sobre o que nos sucede á maioría dos lectores, que collemos unha novela como ao azar e rematamos por non saber vivir sen ler. Si, vivir é coma unha adicción, pero debe ser a única que non fai dano.
A esta lectora ‘fóra do común’ comezan a sucederlles cousas moi estrañas, como que lle xorden preguntas e reflexións arredor de diversos asuntos do mundo que a rodea. Grazas aos libros acolle pensamentos e realidades que antes lle eran alleas, o que o autor aproveita para crear continuas referencias irónicas á actividade da lectura e a respecto de como esta se pode inocular nas persoas. Neste sentido resulta moi interesante a referencia que se fai respecto da diferenza entre a lectura e a instrución, que non deberían mesturarse endexamais. Ou aquela que di que os lectores levamos grandes desilusións cando coñecemos o autor/a dun libro e descubrimos que non é como semellaba nas súas letras. Ou estoutra:
“O atractivo, pensou, achábase na súa indiferenza: na literatura había algo inaprazable. Ós libros non lles importaba quen os estivese lendo ou se alguén os lía ou non. Tódolos lectores eran iguais, ela incluída. A literatura, pensou, é unha mancomunidade de letras; as letras, unha república”.
Todos deberiamos de ler destes libros que nos lembren, unha vez máis, que ler non é perder o tempo, senón gañar en vivencias e en sensacións.
Ficha técnica
Título: Unha lectora fóra do común
Autor: Alan Bennet
Editorial: Rinoceronte
Ano de publicación: 2007
Tradución ao galego: Moisés Barcia
Número de páxinas: 90
O que non entendo é como hai xente que todavía pregunta semellantes parvadas. Coñezo varios casos de xente que decía que leer, estudiar, etc, non servía para nada, ata que veu a crise e non lles quedou máis remedio que saírse da súa zona de confort e facer todo eso que sí serve para algo. Biquiños!
Me gustaMe gusta
Tes toda a razón Cris! Este libro fala de todo ISO dunha forma moi amena.
Me gustaMe gusta