Francisco Castro, autor de "Tes ata as dez"
Francisco Castro, autor de “Tes ata as dez”

Todos agochamos misterios nas nosas vidas. Tes ata as dez, o libro de Francisco Castro publicado en galego pola editorial Galaxia e recentemente traducido ao castelán por Suma de Letras, xoga con esta idea tan universal, xuntando a morte coas preguntas que sempre quedan tras dela.

Digo isto porque toda a novela arranca co pasamento do pai do protagonista, Toni. Este leva unha vida aparentemente tranquila nunha editorial coruñesa. Pero todo o seu pasado vese cuestionado cando esta morte acontece e unha estraña mensaxe entra no seu correo: “Tes ata as dez”. Esas catro palabras volverán tolo a Toni, quen entra no que primeiramente semella un xogo, pero que se converte na intrahistoria da súa familia e, máis concretamente, do seu pai.

A través da figura de Toni, asistiremos a unha trama na que está presente o amor, e a loita pola liberdade de expresión nun tempo prohibido. Na figura deste pai xa falecido veremos a un heroe, a unha persoa que tivo que agacharse nunha determinada personalidade e para defender uns ideais.

Conflúen aquí vivencias do autor vigués, do seu barrio de Teis e da súa infancia. E no primeiro elo do argumento está tamén a literatura e o xornalismo, dúas disciplinas sobre as que o autor reflexiona, con palabras coma estas:

“As palabras fundan o mundo. Poden destruílo tamén. As palabras e as formas en que son transmitidas. Por iso pode haber –téñoo oído así un cento de veces- murmurios que provocan furados no medio do peito polo que vai entrar, e aniñar un monte de ledicia. E palabras que nos chegan e nos matan. Literalmente.”

Unha novela na que o misterio mantén ao lector en vilo e na que se nota a pluma do autor, aínda que a filosofía que impera na maioría da obra do autor atópase máis oculta.

Queres descubrir quen está dese Tes ata as dez?

Ficha técnica

9788498655629Título: Tes ata as dez

Autor: Francisco Castro

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2014

Número de páxinas: 296