Das árbores, dos paxaros, e dos saberes terapéuticos. Diso fala o primeiro poemario da autora lalinense Ángeles Madriñán, no que tamén atopamos versos que nos levan a esa infancia rural que algúns tivemos a sorte de ter.
De animais e outros deuses eríxese como un libro-obxecto perfecto, pois os textos de Ángeles Madriñán acompáñanse dunhas ilustracións con aire surrealista a cargo da artista Débora Yáñez Cid. Con esta combinación, estes versos axúdannos a sobrevivir á actualidade, sobre todo porque neles condénsase un medio rural e unhas costumes que xa só quedan na lembranza. Madriñán sitúanos nese lugar de observación e de militancia ante a perda da nosa forma de ser, da nosa identidade. O rural esmorece, e unha parte da cidadanía non se resigna a vivir encapsulada en pisos, senón que reivindica o seu dereito ás orixes, a unha liberdade moi vinculada coa natureza. Na actualidade están xermolando propostas que apuntan nesa liña de resistencia. Penso, por exemplo, en As Ramonas, de Ana Cabaleiro, Zocas e decibelios, de Ramón Sandoval, As Casas, de Carlos Lixó, Feliz Idade, de Olga Novo, ou Tierra de mujeres, de María Sánchez.
Desa loita contra o que nos queren roubar xorde este poemario, que pretende lembrar para sempre pequenas doses do que somos, e do que foron as persoas que nos precederon. E nese ficar para a posteridade, a autora non só recolle o que a fixo feliz na infancia, e co que me identifico fortemente, senón que é quen de repensar os seus referentes, e de pousar sobre eles unha ollada lila.
“Ti dixeches que podiamos
que a auga bendita
era só auga
que as princesas
eran só mulleres”.
Con ese mirar crítico sobre o pasado, a autora reflexiona sobre a busca incesante da beleza, sobre os momentos nos que se sentiu en liberdade, sobre a vida máis primaria, e sobre os sentimentos máis sinceros. Nese crepitar das orixes, non resulta estraño atopar versos nos que Madriñán mostra os medos á escrita, chegando a confesar una certa sensación de vertixe que persegue a todas as persoas lectoras que un día deciden publicar o seu primeiro libro. Pero, ao fin, consegue voar libre e lanzarse a perseguir un soño, por certo moi logrado.
“Ocupar o baleiro da túa mirada
co recendo da acordanza
perdoarme a min mesma os paxaros
coser co fío da verdade
derrubar as fronteiras a dentadas
voar na escrita pese a todo”.
Un poemario este que nos permite sobrepoñernos á actualidade e que nos lembra, unha vez máis, a importancia dos lazos da comunidade e familiares, dos espazos que nos fan sentir libres e das sensacións de plenitude. Moi acaído para as persoas nostálxicas coma min.
Ficha técnica
Título: De animais e outros deuses
Autora: Ángeles Madriñán
Ilustradora: Débora Yáñez Cid
Editorial: Fervenza
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 75