Apaixónanme os domingos de descubertas literarias. Precisamente o pasado veu a min, por casualidade, un libro de Ramón Sandoval, titulado Zocas e decibelios, que me fixo lembrar, volver ás orixes e pensar na forza poética do rural que desaparece.
Este libro está conformado por dous poemarios, que ben poderían ser antagónicos, ou consecutivos ou lerse por separado: Cartografía da infancia e A pel no asfalto, dúas caras da mesma moeda, ou como unha mesma persoa pode vivir no rural e sobrevivir na cidade.
Por aquí atopamos moitos versos diferentes, pero que derivan sempre no amor á terra, a esa infancia rural en Sober (Lugo) onde o autor pasou a súa infancia. É a súa infancia en forma de versos que saben a morriña, a nostalxia polo paso do tempo, é unha homenaxe aos seus devanceiros e a todos os obxectos que fixeron deses anos o mellor da vida. Son os primeiros anos de Ramón Sandoval, é certo, mais podería ser a de calquera de nós, dos que nacemos nas vilas e acabamos por vivir en ambientes máis ou menos urbanos, onde o anonimato das persoas se opón á familiaridade anterior.
O autor non teima en agocharse, senón que escribe con plena conciencia individual, e co fin de que eses anos de cativo non se vaian, con orgullo por onde vén e a onde chegou. Boa proba disto é o poema que pecha esta primeira parte, titulado “Cando eramos máis novos”, que fai unha mención ao que se foi e ao presente:
“Tamén se foron os monecos de neve
Os heroes dos cómics
Derrotando ós malvados
E as bolboretas cravadas
Nos alfinetes da inocencia.
Achas en troques
Máis engurras na faciana
Alarmas brancas entre o pelo
E os xestos coma cansados
Á beira dun abismo”.
E con este poema pasamos xa á segunda parte, esa Pel no asfalto, na que o autor escribe sobre o presente urbano, coa conciencia do paso incesante do tempo. É dicir que os poemas recollidos baixo este epígrafe volven ser un cante á infancia, e por iso me namorou tanto. Tamén hai que salientar que se trata de versos tan límpidos que ben poderían compoñer unha novela, a narración deses primeiros anos de descubertas e o paso cara a unha contemporaneidade que é a de tantos galegos e galegas.
Dende logo, este poemario é a proba de que a infancia sempre é ese terreo ao que volvemos a vista cando a rutina da idade adulta ameaza con asolagar os soños. Aquí volve cumprirse esa idea que moitos defenden de que na infancia é cando se producen todas as descubertas, e só os anos posteriores son sempre de redescuberta do xa vivido.
Estas Zocas e decibelios era o que necesitaba dende fai moito tempo.
Ficha técnica
Título: Zocas e decibelios
Autor: Ramón Sandoval
Ano de publicación: 2017
Editorial: Ediciones La Rectoral
Número de páxinas: 100