“Era un mundo escuro, aquel dos contos que inventaban desde a atalaia da ponte, onde non había espazo para princesas, porque nos contos da aldea só habitaban ogros e dragóns deformes, e ameazantes contra os que había que loitar a morte, en batallas terribles e inventadas cada dia, sempre perigosísimas, e que ben podían ser a causa de que unha se atrasase á hora de xantar na casa da ría Milita”.
Escoito a miúdo que unha persoa non pode desligarse do que é nin das súas orixes, dúas condicións inherentes ao ser humano e que agroman sempre en todo o que facemos na nosa vida. Por iso Ana Cabaleiro, xornalista e escritora, iníciase no terreo da novela cunha historia na que están presentes a reflexión sobre o papel das mulleres na sociedade e o mundo rural que desaparece (ou que se mantén doutra forma distinta a como o lembramos). Ela é unha muller feminista e comprometida coa busca da igualdade, motivo que a levou a voltear os contos tradicionais e a darlle unha mirada coas gafas lilas e que recompilou en Sapos e sereas. Ese ollar feminista atópase no xermolar d’ As Ramonas, unha historia coa que vén de facerse co Premio García Barros 2018 e que simboliza a súa estrea na novela.
Mona Otero é unha muller loitadora e soñadora que persegue ansiosa o seu desexo de triunfar no mundo da arte, aínda que na actualidade sobrevive facendo fotos de vodas. E como perdeu o carné de conducir, ten que depender doutras persoas para trasladarse dun lugar a outro. Nesas viaxes é onde se nos vai desvelando a crise persoal e profesional na que está sumida a protagonista, unha circunstancia que entronca co desasosego presente na sociedade que habita, que non é outra que a nosa.
Mona Otero, e as outras mulleres que percorren a novela, atópase nunha situación límite, o que a leva a realizar unha reflexión arredor das causas que a levaron a elo. E nesa busca de si mesma, Ana Cabaleiro vai debuxando un mapa de sensacións contraditorias, cunha lembranza do tren e o seu paso por Silleda, desas aldeas que antes posuían vida e que van esmorecendo a un ritmo imparable, do mundo da arte e do egocentrismo dos artistas, da dignidade por posuír a vida que soñara de cativa… O seu ritmo, moi apegado a unha road movie, é moi trepidante, o que non impide que pensemos sobre as nosas orixes e os cambios do mundo actual, no que as tecnoloxías ameazan con rematar cunha forma de vida sosegada e máis humana, con menos espazo para as envexas.
Saídres e a ollada feminista constitúen dous espazos importantes na vida de Ana Cabaleiro, e por iso ela constrúe historias que sempre teñen ese aquel reivindicativo. Ela non renuncia ao que é e por iso, aínda que Mona Otero e as demais ramonas parten da ficción, resúltame difícil non vela a ela en cada un dos recunchos que describe.
Ficha técnica
Autora: Ana Cabaleiro
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 169