Carlos Casares, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, destaca pola súa capacidade para novelar unha realidade que se insire no convulso panorama da narrativa de posguerra, e foi dos primeiros en abordar o conflito como tema literario.
Con motivo da efeméride deste 2017, leo de novo a Casares, un home polifacético que foi editor, articulista, escritor de novela adulta e infantil… Estas Letras Galegas coinciden ademais do cincuenta aniversario do seu debut editorial, coa obra Vento ferido. Dende aqueles anos, o autor ourensán xa comeza a ser incluído nesa xeración que se deu en chamar Nova Narrativa Galega, por canto bebía dos novos métodos da novela francesa e se metía de cheo na mente do narrador ao tempo que novelaba as preocupacións do seu tempo.
Abordo esta recensión con moito respecto polo traballo e pola admiración que colleitou Casares, quen foi capaz de abordar os problemas do seu tempo centrándose nas persoas de a pé. Isto é o que destaco tras a lectura d’ O sol do verán, unha das últimas novelas do escritor, na que segue moi presente o tema da liberdade de acción e pensamento e a imposibilidade de lograr conseguir ás veces o que queremos.
Helena é unha muller que vive a súa vida adulta ata que se atopa con Carlos, un home co que na infancia pasara moitos veráns na aldea de Beiro, e xusto nesa noite el dáse un tiro e falece. A partir de aí a novela é un continuo monólogo de Helena explicándonos o moito que viviron xuntos, as primeiras descubertas, os espazos comúns de xogo e complicidade, nese lugar de Beiro. Mais a obra resulta ser tamén un berro contra a falta de liberdade dun tempo que xa pasou e que fixo tanto dano entre a xente, aínda que moitos se quixesen enfrontar e protestar.
O sol do verán evoca moitas sensacións, pero é quizais a da nostalxia a que máis impera. O caso é que Casares escribe con moito tino, e cunha prosa que nos leva a identificarnos cos personaxes, coas súas teimas, cos seus soños e, sobre todo, con eses veráns que tan ben se describen.
A novela recoméndase para todos os públicos, tanto mozos como adultos, pois nela nárranse asuntos que sempre nos preocupan, caso do amor e da morte, a xuventude, a plenitude da vida e a memoria. E na recreación dese argumento tan cheo de nostalxia, a vila de Beiro simboliza calquera dos recunchos galegos nos que moitas persoas pasaron unha etapa moi feliz das súas vidas, sexan veráns ou vacacións. Beiro é toda unha homenaxe ás vilas galegas, a eses espazos con remansos de paz, con ríos de augas cristalinas e carballeiras bucólicas.
Viva Casares!
Ficha técnica
Autor: Carlos Casares
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2002
Número de páxinas: 240