A literatura galega non é allea á revolución que se está producindo no mundo editorial a prol da recuperación das voces das mulleres ou da creación de relatos dende unha óptica feminista. Con ese duplo obxectivo xermola Entre donas, unha recompilación de relatos feministas creados por escritoras galegas con traxectorias e idades variadas que toman a palabras para contarnos o mundo con esa ollada que faltaba. Gustoume moito ler a autoras consolidadas como Marilar Aleixandre, Marica Campo, Anxos Sumai ou Teresa Moure, xunto a outras voces que comezan a camiñar ou que xa levan un percorrido ás costas, caso de Rosalía Fernández Rial, Inma López Silva, Emma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos e Antía Yáñez. Todas elas son mulleres e escriben dende esa conciencia que dá saberse a metade do mundo e, ao mesmo tempo, inxustamente deostadas por unha visión androcéntrica.
En Entre donas atopamos relatos de moi diversa índole. Hainos que parten da tradición clásica para propoñer unha reinvención dos mitos, como o de Marilar Aleixandre ou o de Teresa Moure, e hainos máis actuais, que poñen o foco nas desigualdades que sufrimos as mulleres nos diversos ámbitos: laboral, sexual, nos coidados… e incluso hai algún que vai máis alá e advirte da necesidade de revolucionar a sociedade e atender á diversidade afectivo e sexual, como propón Eli Ríos, ou María Reimóndez. Todos os relatos deste libro son, pois, manifestacións dun mundo inxusto ante o que estas escritoras queren reivindicar un cambio, que comezará por mudar as conciencias e poñer o foco na raíz do problema. Como ben expresa a socióloga Ana Luísa Bouza Santiago no epílogo, “as escritoras dos relatos desta obra colectiva, atopan eses escenarios e historias propicios a contradicir os argumentos da dominación”, e “a simple acción de escribir, de pasar de lectora a autora, de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o punto de vista. Mais este cambio faise radical cando a escrita é feminista”.
As persoas que se acheguen a esta obra terán que facelo cos lentes lilas, dispostas a tomar conciencia de que aínda queda moitísimo por cambiar, e de que necesitamos transitar por estes terreos aínda estériles, sachar para que aparezan as voces de tantas mulleres silenciadas, das súas preocupacións, do seu punto de vista ante o mundo. Celebro, entón, que libros coma estes saian á luz, porque son quen de axudarnos a visibilizar as mulleres e porque a nosa literatura non pode ficar atrás. Xa sabemos iso de que as escritoras galegas sofren unha dobre discriminación: por seren mulleres e por escribir en galego. E xa é tempo de que as tornas cambien e deixemos que floreza a primavera feminista.
Entre donas é, para as que se acheguen por primeira vez á nosa literatura, unha boa mostra do talento que temos nesta terra na que as mulleres comezan a contar, malia que a algúns lles pese.
Ficha técnica
Título: Entre donas
VVAA
Editorial: Baía Edicións
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 206