“E o tempo no cárcere non é un tema menor. Non o tempo de chover, facer sol ou vento. Non. Non. O outro. O que dura unha eternidade cando cae o solo e se apagan as luces. Ese que chama pola desesperación nos momentos de descanso. O que berra nas tardes de verán por unha miga de salitre no aire. Aquel que bate no ceo das reixas as mañás de treboada. O tempo que nace cunha ducha e un café para non ir a ningures. Estacionado entre os muros de formigón. Pairando o osíxeno coma veleno”.
Teño que confesar unha eiva: aínda non lin a poesía de Eli Ríos. E, aínda así, teño a certeza indubidable de que os seus versos me han gustar. Recentemente rematada a súa novela O ceo das reixas, vénme á mente que a autora manexa con moita mestría os silencios da vida e ese falar do que nos preocupa sen estenderse nin empregar todas as palabras. Xa o fixera con DX ou Luns, e agora compróboo nesta historia, tan curta e intensa á vez.
O ceo das reixas recrea o ambiente carcerario a partir de dúas mulleres afastadas pola idade e pola formación, pero achegadas en canto aos seus sentimentos nese espazo que as despersonaliza. Elas tamén son vítimas dun sistema que non só non vela pola inserción das persoas na sociedade, senón que penaliza aínda máis ás mulleres, que sofren nos cárceres unha dupla marxinalidade: por seres mulleres e por cometeren un delito.
Dende unha linguaxe misteriosa, Eli Ríos lévanos, coma xa acontecera en DX, a un desenlace inagardado, e afastado dos tópicos habituais. A partir de aquí, poderemos reflexionar sobre a violencia e a dualidade entre linguaxe e ese momento no que quedar sen voz.
O silencio xorde no momento no que non se posúe o dereito a ser escoitadas e, cando son os demais os que ousan falar por nós e explicar o que nos acontece e o que nos puido levar a cometer un asasinato. Como oposición a esta idea, as nosas protagonistas reclaman unha linguaxe propia, da que elas mesmas sexan autoras, e sen intermediacións que as illen.
A autora, cunha poesía e narrativa moi feminista, non oculta a necesidade que temos de mudar a sociedade, e para iso son necesarios outros relatos, a recuperación das voces femininas que durante toda a historia da humanidade estiveron silenciadas. Aí, nesa busca da identidade das mulleres, situamos O ceo das reixas, que tamén se pode ler como unha historia de sororidade, unha demostración empírica de que as mulleres poden construír espazos seguros co seu propio pensamento e as súas propias mans.
Unha novela curta que é coma un puñal, que les sen agardar o que te vas atopar e que ao pechala segues indagando na necesidade que como sociedade temos doutras formas de contar e doutros puntos de vista que reclaman un lectorado máis comprometido co mundo que habitamos e co futuro ao que camiñamos.
Ficha técnica
Autora: Eli Ríos
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 75