Senlleiras é a novela coa que Antía Yáñez debuta na literatura para adultos, e faino por todo o alto, xa que gañou a segunda edición do Premio Illa Nova de Narrativa convocado pola Editorial Galaxia. E ademais diso, trata sobre temas de candente actualidade: as redes sociais, a soidade, e a violencia machista. A través de dous tempos diferentes, os anos vinte do pasado século e o recente 2017, a autora crea unha historia cunha forza narrativa moi potente, pois nela mestúranse diferentes formas de escrita, como as noticias de prensa, a linguaxe das redes sociais e aquela máis literaria. O obxectivo non é outro que chegar a un gran público, que se sentirá atraído por esta forma de concibir a novela desde un punto de vista moi cinematográfico e visual.
Temos aquí a Alda, unha moza influencer que aparece un día morta na súa bañeira, nun estraño suceso que semella un suicidio. Na outra banda, moitos anos antes, atopamos a Alana, outra rapaza que é obrigada a casar cun home que non ama e a renunciar á súa identidade. O que lle acontece a ámbalas dúas rapazas é practicamente o mesmo, xa que foron obrigadas a deixar de ser elas mesmas para supeditarse aos homes que creron amar e que lles fan a vida imposible. Ambas atópanse unidas, pois, por uns fíos que Antía vai destecendo para nós, e a través dos cales reflexiona sobre a violencia cara ás mulleres aínda que tamén sobre a soidade e a importancia de atopar persoas que nos axuden a ver que vida só hai unha e que ninguén merece guindar a súa pola borda.
Esta historia está construída cun obxectivo claro: poñer o punto de inflexión sobre as desigualdades entre homes e mulleres e alertar de que, malia que o tempo pasase, non se avanzou tanto como a miúdo nos fan crer. Unha historia ficcional cun carácter evidentemente comprometido e de impacto social, escrita en certos momentos como unha defensa a favor da liberdade da muller, cunha linguaxe directa que fai dela unha novela da que poderán gozar moitas persoas. Así mesmo, importante é salientar a descrición que se fai do papel dos libros como ventás ao mundo:
“Pero a Alana todo iso dáballe igual. Para ela, un caramelo ou una peza de roupa eran insignificantes ao lado dun libro. Os libros podían amosarlle o mundo que os adultos lle agochaban, dábanlle a compaña que ninguén máis lle ofrecía. Separábana do resto do servizo, que non sabía ler nin escribir; mesmo da mamá, á que cada vez quería parecerse menos. Facíanlle sentir especial; importante, incluso”.
Malia o previsible da acción nalgúns momentos, Senlleiras eríxese como unha novela necesaria xa que é quen de facernos tomar conciencia sobre o mundo que habitamos.
Ficha técnica
Autora: Antía Yáñez
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 353