Penso a miúdo que a poesía é unha arma ateigada de poder, tamén de futuro, malia que se alerte de que é un dos xéneros menos lidos na actualidade. Sempre o foi, pero as lectoras que chegamos a ela nun momento concreto xa nunca queremos marchar, seremos fieis. Iso me acontece a min, que pasei do medo á paixón, e a buscar cada día máis poemarios que rompan as formas, que retorzan as palabras e que nos imaxinen un mundo mellor.
Estas ideas agroman no meu pensamento tras a lectura de Árbores no deserto, a recente proposta de Rosalía Fernández Rial, cuxos versos nacen a partir de citas de autoras claves no feminismo, como son Sojourner Truth, Flora Tristán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emma Goldmann, Virginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano, Simone de Beauvoir, Kate Millet e Malala. O libro estrutúrase, pois, coma un alegato feminista e a autora relaciona a estas mulleres e a tantas outras co esquecemento ao que foron sometidas, co patriarcado que as sepultou, e propón versos ateigados de revolución, a das palabras. De feito, a autora da Costa da Morte cre ferventemente no poder da cultura, e por iso as súas creacións sempre ensamblan diversas artes, como a poesía e a ilustración, idea que tamén se pode apreciar noutro poemario titulado Vinte en escena. Deste xeito, as persoas que nos achegamos á súa escrita poderemos atopar moitas referencias a outras artes e a outros tempos, como acontece en Árbores no deserto, cuxo título fai alusión precisamente ao feito de que as mulleres tivesen que facer as súas vidas case nun deserto no que ninguén as recoñecía. Aínda así, e pese aos impedimentos, as figuras que recolle aquí foron mulleres fortes, que desafiaron ás leis machistas e se atreveron a cuestionar o estado das cousas, proclamando pensamentos revolucionarios.
A partir de citas e reflexións das autoras antes citadas, Fernández Rial crea poemas e textos breves nos que continúa o fío e convídanos á acción, a crer na palabra como mecanismo para falar do oculto e traelo á actualidade.
“Dun disparo asimilariamos que:
os conceptos só resplandecen
cando as palabras arden”.
Se tivese que destacar o que máis me gusta da escrita desta autora sería precisamente esa capacidade para falar dende as marxes, pero con claridade e contundencia, fuxindo de eufemismos, e cunha clara vocación de cambiar o mundo. Estas ‘árbores no deserto’ constitúe unha proposta ideal para traballar nos centros educativos de secundaria.
Ficha técnica

Título: Árbores no deserto
Autora: Rosalía Fernández Rial
Ilustracións: María José Costa Valiño (Chiña)
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 120