Ultimamente perségueme unha obsesión: acudo á literatura cun certo afán de tentar comprenderme, coma se estivese diante de premonicións, de avisos máis ou menos certeiros. Acudo aos libros buscándome que creo que, ao fin e ao cabo, é o que facemos un pouco todas as persoas lectoras, non credes? Mais tamén acudo a eles para buscar obras de arte, para ler historias que me bambeen e me leven a cuestionar as miñas crenzas, se é que que as teño. Escribo dende esta desorde logo de descubrir Sopas New Campbell, o novo libro de Teresa Moure que nos presenta a editorial Cuarto de inverno e que, como ben describía o escritor Antonio M. Fraguas, “é unha tolada deliciosa ou unha delicia tola, aínda non o decidín”.
Resulta incrible o poder da pluma de Teresa Moure, quen nos presenta a Nádia, unha muller que transporta armarios nunha carreta e que agocha elefantes no seu armario. Baixo este argumento estraño, a autora vainos levando da man para falarnos das contradicións da mente, deses momentos nos que todo esgaza e quedamos un pouco no aire, á agarda de que facer cos nosos elefantes cando xa non podemos agochalos / disimulalos máis.
“Na realidade, estou a ocupar-me dos meus elefantes; de os fazer felizes”.
Topei a cita anterior e graveina a lume na miña memoria, coma se quixese comprender de preto os resortes da mente, ao tempo que indagaba que quería dicir a protagonista cando nos lanza esta idea tan premonitoria e que resume o que se pretende na historia: falar sen tópicos da mente e das enfermidades mentais. Mais Sopas News Campbell achéganos tamén ideas moi potentes sobre o papel das mulleres na sociedade, o feminismo, e o sentir dos libros dende unha óptica ben orixinal.
“Nas últimas horas da tarde, quando o sol está a declinar, a melancolia invade tudo. Porém, detesto a melancolia, como todas as variantes da tristeza romântica. Embora a cultura da saudade tenha distinguido a minha tribo no mundo e inspirado imensas obras artísticas, eu nasci para a açao, para a coragem, nao para a vida contemplativa”.
Teresa Moure asina, como vedes, unha proposta arriscada, na que debemos aprender a ler tamén os silencios, esa parte que non se escribe pero que está aí e que axuda a que todas as pezas desta historia encaixen para falarnos do caos deste mundo, no que os individuos semellan cada vez máis pequenos e os elefantes máis grandes.
Ficha técnica
Autora: Teresa Moure
Editorial: Cuarto de inverno
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 138
O teño pedido na librería….
Me gustaMe gusta