Entrevista Montse Pena Presas: “Gustaríame pensar que María Victoria Moreno me contaxiou algo da súa rebeldía, esa marca insurrecta”

Comecei a saber de Montse Pena Presas a través das críticas literarias que publica cada xoves no xornal Faro de Vigo, e máis recentemente pola súa colaboración semanal no programa radiofónico Chamando á terra. Iso foi o que me empurrou a querer afondar na súa traxectoria e descubrín que é doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde imparte clases de Didáctica da Lingua e da Literatura, ademais de estar especializada en literatura infantil e xuvenil, educación literaria e estudos de xénero.

Este ano, con motivo da dedicación das Letras Galegas a María Victoria Moreno, a editorial Galaxia publicou unha biografía escrita por ela e titulada A voz insurrecta. María Victoria moreno, entre a literatura e a vida.

Pregunta (P): Por que foi unha voz insurrecta María Victoria Moreno?

Porque se adiantou ao seu tempo, porque marcou o propio camiño no ámbito literario, porque era consciente que coa aposta lingüística que facía e co público que escollía a súa literatura ía ser considerada “menor”, porque lle ensinou a vida ao seu alumnado na aula e non só literatura. Foi, en todos estes ámbitos unha muller pioneira e, no ámbito laboral, entendo que moi libre.

(P): Do teu libro da homenaxeada nas Letras Galegas deste ano transpírase unha fonda paixón. Cando comezaches a admirar a María Victoria? Que che parece que por fin se lle dedicasen as Letras?

Supoño que esa paixón é froito, en xeral, do meu amor polos libros. Aínda así, eu fun unha das tantas lectoras adolescentes de Anagnórise e coido que de nena tamén lera A festa no faiado. Logo perdinlle un pouco a pista á autora ata que, cando escribín a miña tese (que se centra na influencia do feminismo na LIX), volvín sobre a súa novela xuvenil e puiden comprobar que, realmente, seguía sendo de moitísima actualidade. Por isto, e porque MVM foi todo o que unha persoa pode facer en relación á literatura (escritora, tradutora, libreira, editora, conferenciante e profesora) creo que ben merecidas son estas Letras.

(P): Como foi o proceso de recompilación de documentación para este libro?

Preocupábame moito saber como pensaba, como falaba, que lle interesaba, a que dedicaba os seus escasos momentos de lecer. Por iso tentei acudir moito á hemeroteca, á familia, os amigos e amigas que a coñeceron… A abordaxe da obra inquietábame menos, porque tiña máis ou menos claro o que quería resaltar, xa que coñecía moito mellor á MVM autora que a MVM persoa.

(P): A vida da autora é moi diversa, xa que dedicou esforzos á escrita, ao ensino, á edición e ata foi libreira. E todo iso coa lingua galega como escudo, por que unha muller coma ela, nacida en Cáceres, fica para sempre namorada da nosa lingua?

Ela di que foi por amor, por amor a Galicia e á súa cultura. Eu coido que tamén foi un caso evidente de compromiso e de vontade. Con todo o traballo que tiña, na casa e fóra dela, sabendo que escribir noutra lingua e para público adulto lle podía reportar máis visibilidade, só podo entendelo así. Porque o seu compromiso e a súa vontade duraron máis de corenta anos e porque creo que o amor fica escaso se non se sementa cada día.

(P): A pesar de ser loada, tamén tivo que vivir algunha crítica e pasar por malos momentos, non foi así?

Si, sobre todo cando elabora a antoloxía Os novísimos da poesía galega en 1973. A antoloxía non acaba de funcionar, porque a recepción é mala e coido que ela foi algo que non levou moi ben. En realidade, este era o seu segundo volume édito en galego e, evidentemente, non lle debeu ser doado de asimilar que, despois do esforzo por construílo e por contribuír activamente á cultura galega, ser o centro das críticas.

(P): Que che aportou María Victoria a nivel persoal e profesional?

A nivel persoal, ter a certeza de que, se unha quere, vai seguir o camiño que se ela mesma se marcou. Gustaríame pensar tamén que me contaxiou algo da súa rebeldía, esa marca insurrecta tan característica. Profesionalmente, poder afondar sobre ela e ter a oportunidade de publicar en Galaxia a súa biografía, permitiume comprobar que podo escribir sobre literatura infantil dun modo máis accesible e menos académico. Quería que a biografía se puidese ler gozando de cada palabra e, á vez, achegando datos que axudasen á interpretación da súa obra.

(P): Es amplamente recoñecida por ser crítica sobre todo de literatura infantil e xuvenil galega. Poderías realizar unha radiografía dela?

É imposible radiografíar con precisión un eido tan vizoso nun espazo limitado, pero aínda así, direi que coido que é un momento inmellorable, tanto no que se refire ao texto como na ilustración. Cada vez hai máis autoras e autores que publican fóra das nosas fronteiras, os ilustradores e ilustradoras continúan experimentando coas formas e hai un público lector fiel máis alá do ensino. Pola contra, necesitariamos unha maior variedade editorial e, dende logo, máis espazos para a súa divulgación e visibilización que axude a que non sexamos unha literatura gueto, unha literatura tan só para uns poucos.

(P): Non podemos esquecer que na actualidade colaboras no programa radiofónico Chamando á terra, emitido todos os sábados nas sobremesas da Radio Galega. Que criterio segues para falar de libros neste espazo?

Sigo criterios variados, mais supoño que combino a temática, o gusto persoal, a diversidade de idades á que van dirixidas as obras e a variedade entre diferentes xéneros, porque a etiqueta “literatura infantil e xuvenil” contén un mundo dentro dela. Entendo que no Chamando á Terra, sobre todo, animamos á lectura máis que facer crítica literaria e, nese sentido, síntome especialmente libre á hora de realizar unha escolla. A verdade é que está sendo unha experiencia moi interesante, tanto por compartir ese espazo coas compañeiras, como por ter a oportunidade de falar de xeito semanal de libros para nenos e mozas dende a radio.

(P): Cal é o libro idóneo para un lector/a que queira iniciarse na escrita de María Victoria?

Coido que hai un libro para cada tipo de lectora: para os inconformistas coa escola, Mar adiante, para os que loitan contra a tiranía, O cataventos, para as que cren na solidariedade, A festa no faiado, para os amantes dos animais, todos, e especialmente Leonardo e os fontaneiros, para quen perdeu o seu camiño, Anagnórise, para os que esperen sorpresas, todos os seus relatos, para as que cren que as clases sociais xa non importan, Guedellas de seda e liño, para quen se queira enfrontar de súpeto coa vida en toda a súa crueza, Diario da luz e da sombra…

(P): As mulleres foron dende sempre as grandes esquecidas, tamén da literatura. A cales habería que reivindicar nas vindeiras edicións das Letras Galegas?

A calquera que teña unha obra literaria potente. Eu apostaría, ademais, polas autoras vivas, que son moitas e moi interesantes.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.