María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida
En moitas ocasións, a literatura e a vida adoitan estar intimamente ligadas, caso de María Victoria moreno, a muller á que este 2018 se lle dedica o Día das Letras Galegas, e sobre a que a crítica Montse Pena Presas escribiu unha biografía do máis interesante, A voz insurrecta, na que se combinan precisamente aspectos biográficos con elementos da súa narrativa.
Cómpre comezar salientando o título, o cal fai mención desa parte que tanto definiu a María Victoria, unha muller que foi revolucionaria desde o mesmo momento no que, aínda nacendo nun pobo cacereño, adoptou o galego como lingua vehicular, tanto da súa labor como mestra como nas restantes facetas da súa vida. Neses anos primeiros da ditadura, nos que o galego era fortemente atacado, ela chegou a Pontevedra e posteriormente a Lugo e alí descubriu que os nenos e nenas falaban nesta lingua e que había que defendela. Foi precisamente en Lugo onde coñeceu a Xesús Alonso Montero, figura moi importante na toma de conciencia da autora e esencial para entender o seu devir literario, xa que foi el tamén quen lle fixo encarga da coordinación da antoloxía Os novísimos da poesía galega.
A vida de María Victoria Moreno podería ser de película, pois condensa moitas arestas. Ela foi escritora de literatura infantil e xuvenil, mestra, libreira e incluso editora. Pero, tal e como conta Montse nesta biografía publicada por Galaxia, o que mellor a define é a súa labor docente, pois ela mesma recoñeceu en moitas ocasións que “o meu corazón florece nas aulas”.
María Victoria foi unha muller de armas tomar, moi adiantada ao seu tempo e cunha voz insurrecta, revolucionaria, sobre todo por ser quen de defender o galego, a literatura e o papel das mulleres nun momento da nosa historia no que isto lle supuxo moitos problemas persoais e profesionais. Ela foi un exemplo a seguir na defensa dunha lingua que, se ben non era a súa de nacemento, converteuse rapidamente no seu vehículo de expresión.

Por iso estas Letras Galegas son especiais. Por que? Porque nos lembran que a nosa lingua debería ser o ben máis prezado a protexer, o noso patrimonio inmaterial e un legado que deberiamos de transmitir aos nosos fillos e fillas. Así o fixo María Victoria, quen é un símbolo sobre o que terían que reflexionar todas aquelas persoas que aínda adoecen da nosa lingua e a rexeitan escudándose en non entendela aínda nacidas na Galiza.
A ela debémoslle a escritura das primeiras novelas dedicadas ao público xuvenil, nas que se tiñan en conta as preocupacións desta idade tan complexa. Tal é o caso de Leonardo e os fontaneiros, ou Anagnórise, esta última todo un símbolo de texto feminista iconoclasta e moi próximo á narrativa actual. Sen dúbida, a narración dunha viaxe entre unha muller condutora e un rapaz que abandona o seu fogar, e na que se poderían entrever moitos dos trazos biográficos da autora homenaxeada.
Como me gustou viaxar pola vida e obra desta muller brava da man doutra á que admiro moito, Montse Pena Presas. A min, ao igual que a ela, tamén me tería gustado moito coñecer a María Victoria.
Como os acontecementos xa non se poden reverter, María Victoria faleceu no 2005 despois de terse enfrontado a un cancro de mama que nunca freou a súa actividade.
Quedémonos coas súas letras, IMPRESCINDIBLES!
Ficha técnica
Título: A voz insurrecta. María Victoria moreno, entre a literatura e a vida
Autora: Montse Pena Presas
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 177