Se tivese que definir o mellor que pasou no 2017 en canto á literatura galega diría María Victoria Moreno, por tres motivos. O primeiro é porque se converte na cuarta muller en dedicárselle o Día das Letras Galegas (dende o 1963, estas homenaxes recaeron maioritariamente en homes). O segundo é o relativo ao cariño que esta muller, nada en Valencia de Alcántara (Cáceres), tivo sempre pola nosa terra e lingua. E terceira, por ser unha profesora que amou dende sempre a súa profesión e que puxo esta vocación ao servizo dos máis mozos e mozas a través da escrita. Por todo iso, non chama a atención que sexa considerada unha das mellores voces das letras galegas, sobre todo por ser quen de escribir emotivas historias que engancharon a ler a xeracións de rapaces e rapazas.
A min, como a tantos outros amigos, fíxome soñar con Anagnórise, a súa novela máis universal e recoñecida alén de Galicia, que achega a adolescencia dende o punto de vista da propia rapazada. Esta dupla sensación de desfrute e tristura atópoa agora en Guedellas de seda e liño, libro publicado no 1999 e que recupera agora a Editorial Galaxia co gallo da efeméride das Letras Galegas 2018.
Guedellas de seda e liño é unha novela que se le dunha tacada, intensa, chea de contrastes, moi pegada aos máis desfavorecidos e ás persoas que sofren por algún motivo. Aquí contraponse a delicadeza do ambiente pacego habitado polos seus protagonistas coa ruindade e a pesadume doutros personaxes que habitan no mesmo pobo. Neste pobo, que se podería definir como o alter ego de tantos pobos dos anos oitenta e noventa, no que os ricos cohabitan coas persoas que non chegan a fin de mes, contrapóñense diversas historias que poñen o foco na parte máis cruenta do ser humano.
“Que vida, que puta vida… Un día e outro sen roupa limpa, sen comida de xeito, sen un agarimo, sen un sorriso, sen flexo no cuarto, sen unha estufa que mitigase o frío, sen máis libros cá os de texto e os que podía coller na biblioteca do instituto… Así, para Vanessa desde que fixo os oito anos, vivir era ir á escola, xogar cos compañeiros e estudar”.
A autora defínese pola súa forte convicción a prol dos máis desfavorecidos, e a súa narrativa podería definirse como de compromiso social nun tempo no que escribir en galego e para mozos a convertían nunha rara avis. Polo dito anteriormente xa imaxinaredes que non é unha literatura facilona, nin moito menos. María Victoria Moreno sempre escribiu pensando nos máis mozos, pero cunha literatura que fose quen de atraer a persoas máis adultas. E é que no medio desa crueldade que describe, sempre hai espazo para o amor pola terra, pola frescura da auga e polas aldeas e persoas que a fixeron sentir, dende a súa chegada a Galicia, coma unha galega máis.
Ficha técnica
Título: Guedellas de seda e liño
Autora: María Victoria Moreno
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 1999
Ano de edición: 2017
Número de páxinas: 145