«A soidade selénica» de Juan Parcero

Hai uns anos topei de casualidade, como acontece sempre cos bos libros, con A fiestra aberta, dun home para min daquela descoñecido, Juan Parcero. Lembro ben que lin parte desta historia na Illa de Ons, un espazo que casaba á perfección co que nela se contaba, na que os sentimentos e a parte máis escura do ser humano eran protagonistas. Aí fiquei prendada da prosa de Juan Parcero, porque creo que é un experto en falar de sentimentos universais como o medo á morte ou á soidade, dende unha ollada moi afilada e creando literatura, algo que non sempre é doado.

Un ano despois chegou Vento na cara, que continuaba un pouco a estela da novela anterior, e que tamén me volveu conquistar, tamén por ese estilo apegado á parte máis íntima sen renunciar ao sensorial. Juan escribe novelas que eu describo como puñal, porque ao lelas unha ten a sensación de que todos os resortes se activan dentro de nós, como que nos fai cambiar algo, e aí é onde se distinguen os bos libros.

Agora, afastado da novela realista, o autor moañés sorpréndenos con A soidade selénica, un libro que inaugura a colección de ficción científica da editorial Galaxia. É importante destacar este punto, pois a literatura galega aínda se atopa algo orfa de libros deste estilo e creo que é necesario que se dean a coñecer entre as novas xeracións, demostrando así que o galego serve para expresar o amor pero tamén para falar de ciencia e da fin do mundo.

Como xa advertiredes, A soidade selénica constitúe un libro diferente ao que nos ten acostumados Juan, pero tan só no xénero que emprega, pois no fondo os temas recorrentes da súa literatura continúan a estar aí: o medo á morte e á soidade, a reflexión sobre o sentido da existencia, a toma de conciencia sobre o mundo que habitamos e o que agardamos del … A iso engádese que aquí, en A soidade selénica, estamos xa nun mundo posterior ao actual, e iso ten moito significado, pois todo parece destruído e, aínda así, xermola un pouquiño a esperanza, expresada en tres personaxes inesquecibles, que están descritos con moita profundidade, con moitos matices, e fuxindo do maniqueísmo.

Non vos podo negar que a ciencia ficción, as distopías, non son un xénero que eu adoite ler, e por iso ás veces me custa somerxerme nese mundo onde o real parece que se escapa dos pés. Aínda así, ler a Juan é sempre un pracer, sobre todo porque as descricións desta novela están moi coidadas, e porque consegue meternos de cheo nun universo que non é po actual pero cara o que camiñamos coas nosas accións e a nosa falta de compromiso. A soidade selénica gustoume por iso, e tamén polas fermosas reflexións que nos deixa, cachiños de pensamentos cos que, en maior ou menor medida, todos nos identificamos.


“Non só as sensacións de medo e de afogo, senón todo o que ten que ver cos sentidos. Que é un ser humano sen recordos? Unha casca de froita. O silencio da existencia. Un barco anano sen patrón”.

“Teño medo a estrañar os soños inducidos. Temo querer volver ao mar, á brisa do mar no pelo solto e ondulante. Teño medo a non ser quen de lembrar o aroma dunha sardiña asada, ou o olor da baixamar, o sabor da pasta ou dos tomates acabados de cortar”.

Ficha técnica

Título: A soidade selénica

Autor: Juan Parcero

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2022

Número de páxinas: 185

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.