Hai vilas máxicas que nacen na cabeza dun autor, vilas con nomes que non existen pero que nos levan de cheo a referentes xa coñecidos, como acontece co Macondo de Gabriel García Márquez, coa Comala de Juan Rulfo, a Vetusta de Leopoldo Alas ‘Clarín’ ou coa Auria, de Eduardo Blanco Amor. Na contemporaneidade hai escritores que se atreven a xogar cos referentes máis inmediatos e poñen en marcha o maxín para idear un lugar que é pero non é. Esta tarefa foi a que levou a cabo Juan Parcero, un escritor que leva a súa Moaña natal no corazón e a traslada á literatura baixo o nome de Aferróns.
Tal e como viramos na súa anterior novela, A fiestra aberta, agora este lugar volve ser o escenario de Vento na cara, ata o estremo que os personaxes se debaten cun espazo máxico e á vez terrorífico, portador de grandes males. Aferróns soa ao vento mariñeiro, a norte, e diso trata precisamente o novo libro de Parcero, que segue a temática dos anteriores aínda que cun estilo moito menos arriscado.
“Esa voz saía de miles: era a voz do pobo, do seu pobo, daquel pobo entre o mar e o monte, nas ladeiras dos barrancos e invadindo a praia, unha illa, sen facer falla que estivese rodeada de auga. E ese pobo era o que o exhortaba a non ser coma un can, a non caer no pecado da preguiza, a seguir a corrente, a producir. En silencio, o pobo falaba, Aferróns falaba”.
Esta novela é intensa, aínda que a diferenza d’ A fiestra non consegue impactar tan de cheo no lector. Nela Parcero conta como lle muda a vida a Cándido da Vila, unha vez que atopa morto por suicidio ao seu irmán. A partir de aí xérase unha conexión moi intensa entre o pasado e presente e todos os sucesos se desenvolven en bucle, sobre todo os negativos. Aínda que a novela está moi coidada estilisticamente, botei en falta esa voz interna dos personaxes, ese monólogo interior maxistralmente creado na anterior.
A morte é o tema que está detrás do argumento, a morte que inflúe sempre o sentimento máis físico. O sufrimento polo abandono dun ser querido, a perda dun irmán como unha tristura nunca antes sentida, que leva a ver que o pasado vai ficar pouco a pouco soterrado. Pero tamén é a historia dos lugares que salvan, dese vento que che dá na cara e che abre a vista a un horizonte novo. E con este vento tamén a descuberta do medo á vida.
Ficha técnica
Título: Vento na cara
Autor: Juan Parcero
Editorial: Toxosoutos
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 119