Hai historias que quedan en nós coma o salitre. Antes non o entendía, mais agora que vivo nun pobo mariñeiro doume conta de que o mar é esa forza que nos entristece e que nos alegra a partes iguais, ese tótem que fai que aquilo que vivimos tome máis importancia e que ata os personaxes dos libros se tornen máis reais.
No medio deste mar bravo e fuxidío, mais tamén vigorizante, leo A fiestra aberta, a nova novela do moañés Juan Parcero que sen dúbida veu para cambiarme a vida, e os seus parágrafos para pegarse á miña pel coma o salitre deste mar que describo.
A fiestra aberta é unha historia poderosa, non tanto polo que conta senón máis ben por como o conta, e é aí onde reside o feitizo do autor para levarnos con el e contarnos que o ser humano sempre ten que lidar coa súa propia mente, cos sentimentos e co lugar que o viu nacer e medrar. Aquí observamos a uns personaxes que nos narran unha parte da súa vida, ese momento no que a súa existencia se puxo a proba para facerlles escoller entre o correcto e o incorrecto, mais sen darnos ningunha lección de vida nin moralexa.
Atrévome a dicir, e sen temor a equivocarme, que a principal virtude de Parcero é a creación dunhas voces moi potentes: a de Martín Chapela que percorre o acontecido mediante a narración de cartas que poden ser literatura, a de Clara, que seguen o transcorrer sen freo dunha mente entre arrepentida e fuxidía, e a de Luchiño, ese personaxe clave na historia que sofre por non ser quen de ver as cousas con normalidade. Hai algúns personaxes máis, pero esta tríade conforma a tripla versión dos mesmos feitos que se nos contan e cos que teremos que ir completando un crebacabezas que, ao igual que acontecía n’ A Esmorga de Blanco Amor, se intúe dende o comezo, pois a historia camiña por sendas xa antes transitadas por tantos personaxes e que nos levan directamente á nosa realidade máis inmediata.
Non é esta unha novela fácil, e iso foi o que me atraeu dende o mesmo intre no que decidín atreverme con ela. Non é Parcero un autor de finais felices e con ansias dulcificadoras senón que, ao igual que pasa con moitos autores/as na actualidade, deu en falar do que máis preocupa: a crise, o mundo das drogas e desa heroína que matou a tantos mozos e mozas nos anos oitenta, as enfermidades mentais…
Lin moitas historias sobre a crise e sobre o mundo da droga. Porén, non foi senón con esta novela, como me decatei de que nunca antes me sentira tan preto de entender os porqués que levan a unha persoa a somerxerse neste mundo tan negro e tan tentador. Coa voz interior de Clara, e con esa transcrición tan literal do fluír dos seus pensamentos, é cando de verdade chego á conclusión de que nunca antes ninguén fora quen de expresar todo este mundo.
Non podería pechar esta crítica sen antes lembrar un dos tantos parágrafos que me fixeron reler e reler o libro, como se dunha substancia aditiva se tratase. Quizais así é como mellor podo describir o tanto que me gustou.
“Gustáballe a fiestra e o silencio e mirar á rúa en silencio dende a fiestra. Nunca choraba, só falaba ás veces, pero cando o facía falaba moito e trababa a lingua. Parecía que recollía todo na fiestra e no silencio da rúa para despois soltalo todo e a boca non lle respondí como el quixera”.
Ficha técnica
Autor: Juan Parcero
Editorial: Toxosoutos
Año de publicación: 2017
Número de páginas: 157
Un comentario sobre “A fiestra aberta”