“A vida secreta de Úrsula Bas”, de Arantza Portabales

Arantza Portabales, autora de "Beleza vermella"

Queriamos máis Abad e Barroso e o desexo foinos concedido. Arantza Portabales continúa no camiño da novela policiaca que xa iniciara con gran éxito en Beleza vermella e volve facelo cunha historia na que se ensambla una intriga levada ao estremo coa profundidade psicolóxica e a análise da sociedade actual.

“Ao fin de contas, madurar era iso, perder a capacidade para sorprenderse”.

A vida secreta de Úrsula Bas parte da desaparición dunha escritora superventas, da que pronto descubrimos que ten unha face pública, amable e sempre atenta cos seus fans, e outra privada, na que afloran os seus medos, e na que descubrimos a depresión que sufriu no pasado, da que a salvou a escrita. Xa dende este inicio, as contradicións forman parte da forma de actuar e de sentir das personaxes, que se manifestan con caracteres moi opostos, tal e como acontece na vida mesma. E é que as novelas de Portabales destacan moito pola vida que transmiten: vidas ateigadas de medos, de desconfianzas, de egoísmo, de rancores… Xa dende Deixe a súa mensaxe despois do sinal (á que por certo hai certas alusións aquí), a autora santiaguesa adoptou unha escrita moi apegada á linguaxe coloquial, na que se lle dá moita importancia ás conversas entre as personaxes, e na que a acción sempre ten un ritmo trepidante.

“A diferenza é que co medo o corpo se prepara tan só para dúas cousas: loitar ou fuxir. E eu non fixen ningunha das dúas”.

Teño que confesar que levaba moito tempo agardando este libro, un libro que chegou a min nunha semana complexa e que me permitiu desconectar da rutina e somerxerme nun novo misterio que, unha vez máis, logrou sorprenderme, aínda que debo recoñecer que certas tramas se vían vir dende o comezo. Ao marxe do misterio propiamente dito, o que máis engancha é a volta de Santi Abad e Ana Barroso, unha parella de policías que no pasado ousaron traspasar a liña do profesional e que agora volverán tentalo de novo, sabendo que hai cousas que teñen que rematar aínda que non como se desexaría. A través deles, a autora reflexiona sobre as relacións de parella, a toxicidade e as violencias que se exercen, e os problemas psicolóxicos.

“A verdade sempre se pode terxiversar para adaptala á medida daquilo que nos atrevemos a desexar”.

Como se pode observar, estamos, pois, diante dunha historia cun gran calado social e con moita profundidade na análise de certos temas que están á orde do día, como poden ser a influencia das redes sociais, as violencias machistas, a superficialidade das relacións humanas, a soidade e, como non, de fondo a literatura coma un bálsamo ao que recorre unha protagonista que ben podería ser o alter ego da autora en moitos casos. Isto obsérvase de forma moi evidente xa dende o propio inicio, cando se advirte de que todo é ficción, menos o capítulo 18 que se inspirou no programa Un alto en el camino, que presenta a xornalista pontevedresa e íntima amiga da autora, Susana Pedreira.

E si, oxalá de novo máis Abad e Barroso, non credes?

Ficha técnica

Título: A vida secreta de Úrsula Bas

Autora: Arantza Portabales

Ano de publicación: 2021

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 450

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.