“Embernallúas” de Eva Méndez Doroxo

Cada vez que me dá por pensar no que significa este espazo para min, rapidamente me vén á mente a importancia das persoas que estades ao outro lado, das que tedes en conta o criterio do que publico, das que me apoiades neste fío invisible que é a literatura. Nunca cansarei de dar as grazas a mulleres coma Eva Méndez Doroxo, unha muller que recalou en Lecturafilia e coa que manteño un achegamento máis alá das letras. Ela animoume na distancia a continuar, sobre todo nos últimos tempos, cando vivín unha serie de cambios que me impediron estar tanto polo blog como quixera.  Conscientes as dúas de que a literatura nos ancla á vida, lin Embernallúas, o poemario que Eva me enviou acompañado dunha carta que me fixo chorar, e dunha especie de mapa mental para comprender mellor. Non vos parece máxico?

Descubro Embernallúas nestas semanas nas que creo que recupero certa tranquilidade, días nos que tomo conciencia de que a vida son momentos e que o pasado debe ficar no sitio que lle corresponde sen importunar o presente nin impedir o futuro. Embernallúas chega a min nestas circunstancias, e así o leo, entre ese pasado algo agrisado e un futuro que florece diante miña. Sinto a necesidade de compartir isto porque penso que a poesía sempre se interpreta diferente dependendo das circunstancias vitais.

Embernallúas paréceme un poemario valente e necesario, que dá voz ás mulleres que habitan a aldea na que a autora naceu e viviu durante a infancia, mais que tamén denuncia a desertización do rural, o silenciamento das mulleres e o esquecemento ao que somos sometidas as persoas que habitamos lugares afastados das cidades ruidosas. Esta idea da colectividade, tan potente, entronca coa narración máis individual na que se nos narran as tres etapas vitais das mulleres: a infancia, a madurez e a morte. Di Eva que “Embernallúas somos todas”, unha idea que entronca con moitos poemarios que están agromando na actualidade e nos que se propoñen olladas de reivindicación do rural dende o feminismo, como Camuflaxe, de Lupe Gómez, ou Feliz Idade, de Olga Novo.

Interesoume moitísimo este poemario que sabe a revolución, cuns versos nos que o erótico e o íntimo nos provocan sensacións que todas as mulleres había tempo que botabamos en falta na poesía: esa ensamblaxe entre as sensacións do corpo e o sexo, e a forza da natureza máis salvaxe.

“Novamente flúo polo río – lume,

as túas verbas quéimanme a gorxa,

desalentan a paixón.

Derréteste na suavidade dun agarimo impronunciado,

baixo as xemas calóricas fundes a túa polpa vigorosa.

Somos aristócratas dos sabores,

os inauditos captores de sutileza.

Abre un pouco máis a boca,

déixame entrar,

póusate en min

e flúe do instante mesmo do incomprensible”.

Ficha técnica

Título: Embernallúas

Autora: Eva Méndez Doroxo

Editorial: Urutau

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 60

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.