Entrevista Novenoel: “Creo que moita da historia do rural fala de supervivencia e liberdade”

Que sentido ten un mural nunha explotación gandeira? Que historias se poden contar nas fachadas no medio de ningures? Novenoel foi quen de transgredir os límites do urbano, de ir máis alá e de achegarse ao día a día de Ricardo e da súa familia, facer do muro un punto de encontro. Para avanzar nunha nova narrativa gráfica e para contar unha historia, que é a de moitas outras familias do rural galego, creou o mural ‘As vacas do millo’ na explotación leiteira de Tordoia, no Concello de Ordes.

Contar historias para erguer pontes, para acurtar as distancias, para explorar no seu máis amplo espectro o potencial do mural, para transgredir e humanizar espazos. Avanzar nesa democratización da arte e da información; para provocar e remover dentro das persoas, para convivir e contar máis e mellor. Iso é o que pretende este artista que fixo das paredes do rural o seu óleo.

Pregunta (P): Cando prendeu en ti a chama da arte? E cando decidiches que querías facer grandes murais nas rúas e espazos públicos?

Nunca souben se prendeu ou xa viña prendida. Debuxo dende que teño memoria. Na miña casa ninguén se dedicaba a iso nin existía unha cultura artística desenvolvida, mais si unha gran vontade e paixón latentes polo debuxo e a escultura, en certo modo truncadas – pola supervivencia, supoño-, así que esa proxección de meus pais puido ter moito que ver na procura desa utopía que era o mundo artístico.

Máis tarde topeime con que esas manifestacións culturais se estaban dando na rúa. A través do graffiti fun descubrindo as posibilidades e sensacións que se producen creando no espazo público, e moi pouco a pouco foise convertendo nunha linguaxe gráfica a través da que comunicar e seguir experimentando profesionalmente.

(P): As túas creacións artísticas ofrecen unha nova contemporaneidade rural. Como as concibes e de onde nace a túa inspiración?

Interésame moito o poder das imaxes para contar historias, pero máis as historias que atopo cando estou creando imaxes. É como unha procura persoal de ir tirando de fíos e cabos soltos, facendo redes, aprendendo e descubrindo no camiño.

A inspiración pode xurdir dunha conversa, dun paseo, unha viaxe… moitas cousas, pero o máis importante é a motivación. Seguir traballando aínda que non se estea inspirada para cando apareza poder recoñecela e bailar con ela un anaco, e cando se vaia seguir traballando.

(P): Recentemente inauguraches ‘As vacas no millo’ nunha explotación leiteira en Tordoia (Ordes). Como foi a xénese deste proxecto? Que nos queres contar a través deste mural?

A idea principal deste proxecto era achegar un valor cultural a un espazo construtivo que irrompe na paisaxe de forma notable e ademais sitúase nunha deslocalización onde non existen practicamente manifestacións artísticas.

Esta idea serve como punto de partida para achegarse a esa realidade do rural galego tan cargada de identidade e tan controvertida por outra banda nos últimos tempos. Vela dende dentro, tratar de entendela… para min, o mural fala dunha vontade de liberdade dende ese contexto en concreto. Creo que moita da historia do rural fala desas cousas: supervivencia e liberdade. Mirar ós ollos a eses animais nos que dalgún xeito nos recoñecemos, buscar algún tipo de conexión…

É complexo porque hai varios niveis de narración, e é lóxico que non todas se entendan ou cheguen á persoa que ve a obra, por iso tamén é importante preguntarse que é o que representa para cada un de nós. Non ten por que haber un significado pechado.

(P): Como contribúe á arte á revitalización dos lugares rurais?

Mural ‘As vacas do millo’ en Tordoia

Sen dúbida, é un estímulo que, se se fai ben, pode ser moi positivo para unha comunidade. Tamén penso que é unha ferramenta importante para canalizar moitas cousas que nos pasan ou que pensamos. Para comunicarnos e expresarnos de xeitos diferentes, e mesmo chegar a puntos comúns. Achega tamén algún tipo de sensibilidade e iso é algo que non se atopa facilmente no mundo hostil e polarizado que nos queren vender.

(P): As paredes contan historias, comunican, chaman a nosa atención… que papel xogan as túas ilustracións neses espazos?

Para min as imaxes que fago xogan a transformar eses lugares dunha forma tan superficial. É unha capa de pintura, pero á vez tan profunda como sexa o impacto que poida ter o pintado no contexto ou nas persoas que se identifiquen con el.

(P): Foxes do concepto de arte superior e concíbela máis coma unha ferramenta para conseguir mudanzas sociais. É así? Que é o que máis destacarías do que levas feito nestes anos?

Creo que pretender cambiar a vida das persoas ou chegar a facer cambios sociais coa arte resulta un tanto pretencioso, porque un non pode controlar o impacto real que teñen as súas obras nun determinado tecido social, e ademais somos persoas polo que o erro e a equivocación están implícitos. Polo tanto, eu só podo pretender seguir creando coa mellor intención que poida, cunha vocación de incentivar ou motivar ou sorprenderme a min mesmo e ás demais persoas, pero despois o que pase, como se interprete ou a aceptación que teña non vai depender de min.

Por outra banda, non acabo de entender ese concepto de alta e baixa cultura ou arte superior e inferior. Para min unha arte de pesca por exemplo pode ter máis valor cultural ca unha obra exposta no mellor dos museos. Aínda que entendo que a diferenza é o tipo de público ó que está dirixida cada unha delas.

Gustaríame pensar que todo o mundo pode gozar de todos os tipos de arte existentes sen limitacións económicas, culturais ou xeográficas, pero quizais é pensar de mais.

“Non acabo de entender ese concepto de alta e baixa cultura ou arte superior e inferior. Para min unha arte de pesca por exemplo pode ter máis valor cultural ca unha obra exposta no mellor dos museos”.

(P): É posible vivir da arte hoxe en día? Que saídas laborais poden atopar as persoas que escollan itinerarios artísticos?

É posible vivir da arte hoxe en día. Moitas veces trátase de atopar un camiño propio e saber onde encaixa o que ti podes propoñer dentro dese ámbito. Non existe unha única saída pois é algo que se pode aplicar a moitas áreas. Nin é en moitos dos casos un camiño estático e moito menos regrado. Coma en moitas outras áreas trátase dunha carreira de fondo. O bo que temos hoxe en día é que posuímos moitas ferramentas para levar a cabo case calquera cousa, e acceso a referentes e a referencias de todas as partes do mundo. O difícil agora é non perderse en todo ese océano de información dispoñible e ter claro que é o que se quere.

(P): Como poderían axudar as institucións a dignificar as profesións artísticas?

Incluíndo ás profesións artísticas no ámbito de importancia que sabemos que teñen para o ser humano as artes e a cultura. Continúo esperando que nos chamen para facer un mural interior na sede do Consello da Cultura Galega ou na Xunta de Galicia pero, polo que sexa, aínda non se puxeron en contacto.

Outro punto é preguntarnos que podemos facer nós para amplificar a profesión e que lles podemos ofrecer nós ás institucións para axudarlles a dignificarnos.

(P): Que diferenzas atopas entre pintar nos espazos rurais e nos urbanos e as formas nas que as persoas acollen as creacións?

Destacaría sobre todo a maior proximidade coas persoas do arredor. Podes incluso chegar a formar parte desa súa realidade por un lapso de tempo, e a xente está máis aberta e receptiva. Hai un impacto maior porque non hai tanto estímulo externo. A tranquilidade á hora de pintar tamén é un factor positivo. Nunha cidade estás exposto a máis cousas que suceden mentres realizas a obra, que pode ser tamén, ata certo punto, inspirador, mais estás rodeado de moitas máis distraccións e todo é máis rápido e ruidoso.

“Interésame moito o poder das imaxes para contar historias, pero máis as historias que atopo cando estou creando imaxes”.

(P): Cales son as túas referencias culturais: pintura, cinema, literatura…?

Hai moitas, diversas e cambiantes, moitas veces a cultura popular como o rotulismo tradicional ou a carpintería de ribeira, o cómic: Will eisner, yellow kid, David Rubin, Bill Siekievitch, Blacksad, Ana Galbán, María Medem….

En pintura: Sotomayor, Maruxa mallo, Jorge Gonzalez Camarena, Menchu Lamas, Raúl Burés…

Literatura: Un ollo de vidro de Castelao, Manuel Antonio, Juan Rulfo, Maria Lado, Hunter. S Thomson…..

En cinema: Terry Guilliam, Jim Jarmusch, Lars vohn Trier, David Linch, David Fincher…

A lista podería seguir e seguir pero máis ou menos son nomes cos que sempre me volvo atopar.

(P): Os artistas sempre estades matinando en proxectos, non? Que nos traerás proximamente?

Certo, é inevitable e hai unha lista longa, mais estou saíndo dun período no que intentei parar un pouco esa inercia creadora de proxectos para xestionar un pouco mellor o que estaba a facer e poder dirixirme a onde me gustaría da mellor maneira posible.

Aínda así, agora mesmo estou realizando ilustracións para un álbum ilustrado, pechando varios murais de cara ao verán e facendo unha serie de colaboracións escultóricas e de pintura co artista Tucho Abalo para expoñer fóra.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.