Atravesar os nosos medos

Arantza Portabales, autora de "Beleza vermella"

Quizais a mellor forma de saber se unha novela nos vai gustar é analizando a primeira páxina ou, máis ben, as liñas do comezo. Moitas das obras que pasaron á historia arrancan dunha forma inesquecíbel. Pensemos, por exemplo, no gran García Márquez e o seu amor nos tempos da cólera ou nos cen anos de soidade. Pero se tivese que elixir unha das que a min máis me impactaron sería a de Anne Karenina, de Tólstoi: “Todas as familias felices se parecen as unhas ás outras; pero cada familia infeliz ten un motivo especial para sentirse desgraciada”. Sobre a infelicidade téñense artellado grandes novelas, quizais porque os temas que nos interesan ás persoas sempre se resumen en ser ou non felices. Vénme todo isto á cabeza ao ler o arranque d’ O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales: “Hai días en que un é infeliz e outros en que é plenamente consciente da súa infelicidade. Estes últimos son os peores”.

Arantza Portabales volve cunha nova entrega da serie protagonizada por Abad e Barroso, a parella de policías coa que se deu a coñecer na novela negra en Beleza vermella, á que seguiu A vida secreta de Úrsula Bas. Para as persoas seguidoras, que somos moitas, as obras desta autora sempre son un oasis literario, porque nos prenden á cadeira e non nos deixan escapar ata rematar. Quizais é o que sempre pretendan as boas historias, non soltarnos. Iso conségueo grazas a un estilo áxil, moi cinematográfico, con capítulos breves nos que combina o ritmo da investigación sobre os crimes con outros aspectos da vida dos personaxes habituais, práctica que a vincula con Camilla Läckberg, unha autora nórdica que destacou pola serie dos crimes de Fjällbacka. E como é habitual no xénero negro e policiaco, a historia analiza cuestións de índole social, como é o caso dos abusos sexuais e violacións moito tempo ocultadas e que se producen nos ambientes menos agardados, aquí nun piso tutelado con menores que deberían estar ben acompañadas e protexidas.

A autora sitúa a acción deste libro, ao igual ca nos anteriores, en Compostela, e aparecen lugares facilmente identificables, como bares, cafeterías ou rúas, de xeito que as que coñecemos a cidade podemos case ir vendo en directo o que se vai narrando.

E no medio das máis de catrocentos páxinas, mentres lemos sen parar, tamén pensamos a través dos múltiples personaxes na felicidade e, sobre todo, nas culpas coas que convivimos e a través das que tentamos sempre atravesar os nosos medos máis agochados.

A pesar do moito que presta a súa lectura, o certo é que sería necesario un maior labor de corrección, posto que hai grallas importantes sobre todo relacionadas coa colocación de pronomes.

Ficha técnica

Título: O home que matou a Antía Morgade

Autora: Arantza Portabales

Ano de publicación: 2023

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 452

Prezo: 19,90 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.