«Non venal» de Alberte Momán Noval

Alberte Momán, autor do poemario "Non venal"

Intríganme moito os mecanismos que se atopan detrás da creación dunha obra de arte. Supoño que, en moitas ocasións, estes van moi ligados á propia evolución persoal. Estes días recaeu nas miñas mans o poemario Non venal, da autoría de Alberte Momán Noval, e que, por certo, está intimamente ligado coa súa novela máis recente, Terra Nullius, na que nos falaba da explotación laboral e desta sociedade miserenta que asoballa as persoas, sobre todo os corpos das mulleres. A violencia sistemática vénse exercendo dende tempos inmemoriais e moitas veces sen terse cuestionado, aínda que na actualidade comezan a xurdir voces que poñen o foco nesta realidade e loitan contra ela coas ferramentas que teñen ao dispor. No caso do autor ferrolán, o instrumento de oposición ás inxustizas son as palabras, algo que leva ao límite en Non venal, no que atopamos versos ateigados de rabia que entroncan directamente coa novela da que antes falabamos.

“Desexarte libre tanto como desexar a liberdade”.

En Non venal, Momán adopta unha voz feminina e ponse na pel das mulleres que sofren o acoso, a explotación e a violación dos seus corpos. Fuxindo da perspectiva de falar do amor dende o romanticismo máis patriarcal, o autor lévanos a unha viaxe sensorial, moi visceral ás veces, que percorre o corpo e reivindica o noso dereito (o das mulleres) a posuírnos, a ser nós mesmas e a falar dos nosos desexos sen límites.

Destaca tamén este libriño por ser depositario de versos que son case coma sentenzas, que calquera de nós desexaría gravar na propia memoria para non esquecer nunca. Non en van, Momán sempre consegue falar do xeral para comprender os aspectos máis persoais, e de aí que nos identifiquemos cos seus versos.

“O desexo é un membro extensible, unha figura elástica

pero variable en canto ao seu rigor, segundo o momento”.

Ficha técnica

Título: Non venal

Autor: Alberte Momán Noval

Editorial: Urutau

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 70

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.