Terra Nullius, de Alberte Momán

“Veño de definir as fronteiras do meu corpo. Veño de marcar a liña que nunca ninguén deberá sobrepasar. Esta botella e máis eu formamos parte do mesmo corpo. Nunca se che ocorrería beber dela sen o meu consentimento”.

Sorpréndeme a nova novela de Alberte Momán, tanto polo formato como polo contido. Como el mesmo explica nun pequeno vídeo de presentación, o que pretende con ela é render unha homenaxe ao formato ‘pulp’, de noveliñas curtas e rápidas, aínda que coma sempre, que deixe pouso no público lector. E abofé que o consegue con Terra Nullius, o título desta historia que nos fala da violencia estrutural, en especial da exercida contra os corpos das mulleres. Permitídeme que pase agora á primeira persoa, pois son muller e identifícome con algunhas das ideas que se exploran aquí. En primeiro lugar, o dereito a posuír o propio corpo, a decidir sobre unha mesma e a non deixarse asoballar, unha idea que é preciso seguir proclamando aínda a día de hoxe cando moitos homes se cren no dereito de dispoñer dos corpos das mulleres como se fosen bens de acceso universal. A protagonista desta novela rebélase, e realiza unha revolución persoal que a levará a sufrir certas consecuencias que volverán cuestionar este suposto estado de dereito que habitamos.

O título deste libro é moi interesante e reflexivo. Esa terra de ninguén e, ao mesmo tempo, terra de todos, refírese a que o que aquí se conta é universal, acontece en moitos lugares e espazos, e tamén a persoas diversas. Non é necesario dicir Lugo nin A Coruña,  nin Ana nin Bea, porque todos sabemos da loita e do sufrimento dos de sempre, das persoas que desexan sobrevivir ao sistema pero este acaba por pasar por enriba delas. Neste sentido, Alberte Momán consegue evocar moi ben esa sensación de desasosego, de claustrofobia nalgúns casos, nunha historia que, como xa dixen antes, se le rápido pero dixire moi lentamente. E sinceramente, esa profundidade é a que diferencia sempre un bo libro, porque a literatura, tamén, debe facernos pensar e cuestionarnos o estado de cousas que habitamos, non credes?

Nestas cen páxinas, o autor ferrolán explora tamén a explotación laboral, que non deixa de ser un síntoma máis desta sociedade podrecida e miserenta que leva as persoas ao límite das súas posibilidades.

“Ao fin e ao cabo, aquela fe que depositaran no traballo, como ferramenta para saír adiante, non era máis que un espellismo, unha esperanza que podía tornarse vana se os aires cambiaban a súa orientación. Non facían máis que depositar confianza nunha aposta que escapaba ao seu control”.

En definitiva, unha novela potente, que desconcerta de principio a fin, que cuestiona os límites e que, incluso, pretende unha pequena revolución.

Ficha técnica

Título: Terra Nullius

Autor: Alberte Momán Noval

Editorial: M Editora

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 120

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.