A editorial Urco converteuse nun referente da literatura de terror, distópica e fantástica, aínda que na actualidade se está especializando tamén na recuperación de literatura infantil e xuvenil, cunha forte aposta pola ilustración e polas persoas que comezan o camiño no complexo mundo cultural galego. Conversamos con Andrea Jamardo Seijo, unha das caras visibles da editorial e a coordinadora do proxecto de “As mulleres bravas da nosa historia”. Á fronte do temón e dun barco que, malia as constantes mareas, continúa navegando. E por moitos anos máis.
Pregunta (P): Estades especializados en literatura de terror, un xénero do que aínda queda moito por publicar en galego. Por que esta decisión?
Si, Urco Editora xurdiu para encher un oco no sistema literario galego, xa que, malia ter publicadas obras con anterioridade ao nacemento de Urco no xénero do terror e fantástico, non había ningunha editora especializada ata ese memento na nosa terra.
É certo que nos últimos tempos, polas inquedanzas das persoas que estamos á fronte do proxecto, as publicacións están a mudar e publicamos outros xéneros aínda que non esquecemos o terror, a fantasía e a ciencia ficción.
(P): David Cortizo e máis ti sodes as caras visibles deste proxecto, pero quen máis está no equipo?
Só hai dúas caras visibles en Urco porque nestes momentos somos as dúas persoas as que traballamos neste proxecto. De aí as nosas limitacións á hora de entender a todas as persoas que se poñen en contacto con nós e tamén á hora de publicar.
(P): Como é o proceso no que decidides se publicades ou non un libro?
Ao ser unha editora tan pequena, non podemos facernos cargo de todos os orixinais que nos chegan, tan só publicamos esas obras que nos parecen atractivas desde o noso punto de vista e que son máis acordes coas nosas ideas e inquedanzas literarias.
Nos últimos tempos estamos a publicar por encarga xa que buscamos cubrir os ocos que existen no noso sistema literario, dentro, claro está, das nosas posibilidades.
Rexeitamos obras, por suposto, porque temos o calendario editorial pechado para os vindeiros anos e tampouco é xusto que as autoras e autores teñan que agardar por nós, e cinguirse aos nosos tempos, poden intentar que se lles publique a súa obra noutras editoras.
(P): Nestes anos, cal foi o mellor descubrimento literario, do que sintades máis orgullo?
Eu aínda non estaba en Urco pero penso que un dos descubrimentos da editora foi a escritora Andrea Barreira Freije, autora de Non hai luz sen escuridade. A súa novela xuvenil ten tres anos e segue a ser un dos libros que máis repercusión ten, o lectorado segue a confiar na obra e na autora. Nós tamén, e por iso contaremos no noso catálogo con máis textos seus. Sabemos que o seu futuro estará ligado á literatura.

(P): A colección “As mulleres bravas da nosa historia” é unha aposta forte que dirixes ti, e que ten por obxectivo a recuperación de mulleres importantes da historia galega e o traslado ao público infantil. Que máis fins persegues?
Esta colección busca recuperar a esas mulleres que durante anos, polo feito de seren mulleres, foron relegadas a un segundo plano da historia. Os seu traballos e contribucións non foron, na maioría dos casos, tidas en consideración.
Queriamos tamén reverter esas biografías escritas desde un punto de vista totalmente patriarcal, como no caso da biografía sobre Rosalía de Castro. Durante anos fixéronnos chegar unha visión da escritora que dista moito da realidade.
Un dos puntos fundamentais da colección é crear referentes para as crianzas. Estas mulleres, algunhas foron pioneiras, pero non son excepcionais. Se algo é excepcional non se repite e nós queremos que as coñezan para precisamente iso, ter referentes nos que se mirar e a quen poder seguir, sobre todo, no caso das nenas.
(P): Que estades conseguindo con ela e cales serán os vindeiros títulos da colección?
Estamos a conseguir moitas cousiñas, desde que se coñeza máis á editora ata que importantes escritoras galegas, como pode ser Emma Pedreira, recente gañadora do Premio da Crítica Española, se puxese en contacto con nós para publicar.
Pero do que máis felices nos sentimos é de que a colección está chegando aos coles e as crianzas están descubrindo ás nosas mulleres e os seus logros.
(P): Este ano dedícaronse as Letras Galegas a María Victoria Morena, autora da que estades facendo recuperacións moi interesantes. Que novidades teremos ata o 17 de maio?
Acaba de saír do prelo Nosoutras, un libro moi especial por diversas razóns. Neste volume podemos atopar cinco textos de ficción escritos por María Victoria Moreno, entre eles “A gaiola”, a súa primeira obra en galego.
Outro dos textos que esta incluído neste libro é un manifesto cuxo nome intitula o libro. Toda unha reivindicación das autoras galegas que adicaron, maioritariamene, a súa carreira literaria ao público infanto-xuvenil.
Estamos a rematar con outro libro infantil inédito de MVM, As cinco castes que sairá nuns días e aínda temos outro conto máis que imos reeditar.
Despois da publicación do volume das «Mulleres Bravas da nosa historia» sobre María Victoria Moreno no ano 2016, falamos coa familia para recuperar as obras que estaban descatalogadas, xa estabamos a traballar niso cando nos decatamos de que sería a próxima homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018. Persoalmente, considero que é un acerto esta decisión xa que María Victoria Moreno foi unha pioneira nas nosas letras, non só a nivel formal senón tamén na temática. Creo que estas letras son unha reivindicación tamén da nosa LIX, a mellor da nosa literatura con diferenza que segue a ser denostada por algúns sectores, algo que non comparto en absoluto.
(P): Como sobrevive unha editorial en tempos de crise?
Urco naceu en plena crise así que xa vai no ADN na editora a loita continua.
Facemos un gran esforzo por manternos, moito máis do que se pode imaxinar, pero mentres haxa forza e vontade, aquí seguiremos.
(P): Tamén estades apostando forte pola ilustración. Que achega a imaxe e o debuxo ao conxunto do libro?
Apostamos pola ilustración porque o público infanto-xuvenil, sen dúbida, é o máis esixente.
Desde o meu punto de vista as ilustracións enriquecen e son a interpretación deste texto por parte do ilustrador ou ilustradora. É moi interesante ser testemuña de como cando as autoras e autores ven os debuxos se sorprenden porque son complemente diferentes ás ideas que tiñan na súa cabeza.
(P): Trouxestes ao galego algúns títulos tan orixinais como Laura das Neves ou o recente Coraline. É difícil o proceso de tradución?
Traducir é un traballo moi laborioso, nos últimos tempos a maior parte dos textos
traducidos e publicados en Urco son levados a cabo por tradutores alleos á editora. como pode ser Tula Ahola, traductora de Laura das neves, texto traducido do finés.
Cando se publican textos recentes, os dereitos de autoría seguen vixentes e ás veces resulta dificultoso chegar a acordo e asinar contratos, sobre todo cando hai intermediarios.
A parte burocrática é a menos atractiva, a máis invisible e nalgúns casos, leva moito tempo.
(P): A nivel persoal, que supón para ti ser editora?
Para min ser editora agora mesmo é todo. Custoume moito ter a oportunidade, xa que o mundo do libro non é especialmente sinxelo aínda que desde fóra poida parecer que si, polo que ter que deixalo agora mesmo sería moi difícil, porque aínda teño moito que aprender, moito que facer e moito que dicir.
(P): Que novidades nos traerá Urco nos próximos meses?
Nos vindeiros meses, sairá Animais con frío, unha antoloxía de relatos de Emma Pedreira, As cinco castes e Nico e Miños de María Victoria Moreno, a nosa muller brava imprescindible, o novo volume a colección Mulleres Bravas a nosa historia sobre Pepa a Loba, escrito por Ledicia Costas e, A simetría das bestas de Alberto Ramos, a obra coa que gañou a última edición do Premio Vicente Risco de Creación Literaria.