Pasi Ilmari Jääskeläinen, o segredo literario mellor gardado de Finlandia
Pasi Ilmari Jääskeläinen, o segredo literario mellor gardado de Finlandia

“Cando miraba de lonxe, vía que o mundo estaba cheo de persoas que querían morrer porque non aturaban o peso dos seus pensamentos. Ao principio pensar podía ser divertido e incluso adictivo, mesmo nos colexios e nalgúns deportes animaban á xente a pensar. Pero, á fin de contas, acababa por te facer sentir miserábel”.

A cita anterior pertence ao libro Laura das Neves e a sociedade literaria dos nove, escrita polo que é o segredo literario mellor gardado de Finlandia, Pasi Ilmari Jääskeläinen, e que foi traducida ao galego da man da editorial Urco. Nela exprésase unha idea vital, que é como a capacidade para pensar ás veces trae implícito malas sensacións. Isto quere dicir que, por exemplo, se tes plena conciencia do que simboliza a morte e o paso do tempo e pensas continuamente neles, a tristura acaba por te asulagar moralmente.

Pero, así e todo, a literatura debe facernos pensar, que se nos removan os intestinos, que nos dea a volta o estómago, e que a cabeza se torne un motor en acción. E é que o ser humano foi dotado co pensamento e o raciocinio e a literatura, e calquera outra manifestación cultural, teñen como obxectivo fortalecelos. Nesta busca de pensamento atópome, por casualidade aínda que xa levaba tempo entre os meus libros pendentes, con esta historia de Laura das Neves e unha estraña, e estrambótica, sociedade á que se lle ensina a escribir dende a primeira idade.

O que aparentemente semella unha historia metaliteraria na que se debaterá de libros e estes aparecerán por todas as páxinas, o certo é que esta proposta é moito máis. É unha novela de misterio, de amor, tinxida de realismo máxico a través da creación dese espazo mítico que se chama Lombodalebre…

Cando nos somerxemos nela advertimos de contado que vai ser unha historia para pensar, algo que evidentemente consegue. Eu, que son unha amante dos libros que nos falan de libros, saquei abondas conclusións sobre este mundo, pois aquí está presente a inspiración dos escritores, a utilización das experiencias propias e doutros, o conflito que existe pola creación de argumentos moi semellantes, e incluso todas as manías que rodean aos creadores de historias.

“Laura das Neves sempre di que os escritores non deben falar dos seus propios asuntos á xente de fóra de ningún outro xeito que non sexa cos seus relatos”.

Un libro máxico e moi escuro á vez, moi apegado á realidade mais tamén á fantasía máis inxenua, e cun claro perfil libresco. Non recomendado para persoas conformistas, pero si para as que gusten de pensar e reflexionar.

Ficha técnica

Título: Laura das Neves e a sociedade literaria dos nove

Autor: Pasi Ilmari Jääskeläinen

Editorial: Urco

Ano de publicación: 2006

Ano de edición: 2016

Número de páxinas: 330