Nomear a soidade

A infancia é un estado eterno. Todo o que vivimos nela acaba influíndo no que somos na idade adulta. Sobre iso fala A soidade das nenas, a novela coa que Miriam Beizana Vigo se estrea na literatura galega, e na que atopamos a dúas xemelgas atravesadas por unha crúa nenez que se unen a outra nena que tamén ten os seus traumas. A raíz dun suceso terrible que as marca para sempre, as nenas loitarán contra a tristura e contra a soidade. Porque quizais para medrar de todo é preciso ollar o trauma de fronte.

A soidade das nenas é unha novela marabillosa, na que hai moita dor, unha dor que comparten as nenas ás que o mundo e as circunstancias as obrigaron a medrar demasiado rápido, a convertérense en mulleres antes de tempo. A non seren nenas. A sentiren a soidade aínda cando non sabían nin o significado.

Atopamos aquí a MX, Celia e Emilia, quen viven unha infancia tortuosa que as condicionará na vida adulta, e a través das que descubriremos, unha vez máis, que as feridas non curan de todo, nin cicatrizan. Os recordos azoutan a mente. A ansiedade cómeas, aprenden demasiado rápido o que non terían que ter aprendido.

Adoita dicirse que a literatura sempre se nutre da realidade. Aquí hai moita verdade, e Miriam é unha escritora que escribe co corpo, todo se sente a flor de pel. Con ecos de autoras como Elena Ferrante e as Dúas amigas, Carmen Martín Gaite e a súa Nubosidad variable ou de Ana María Matute e as infancias eternas e difíciles, este libro destaca polo seu coidado estilo intimista, e polos saltos temporais entre pasado e presente, que se senten coma as digresións na propia mente das protagonistas. E aínda que o tema central é a soidade, a autora constrúe un relato moi rico no que nomea claramente as relacións homosexuais, a precariedade, as violencias machistas en todas as súas vertentes, dando lugar a unha obra durísima por momentos pero ateigada de verdade. Ademais, todo iso complétase cun estilo innovador que se observa no emprego, por exemplo, do feminismo xenérico, unha aposta que Beizana adopta como reivindicación ante un mundo aínda moi patriarcal tamén na linguaxe.

En definitiva, a autora de Carballo entra pola porta grande na literatura galega e de seguro que nos volverá sosprender con novas propostas así de poliédricas. Por aquí estaremos encantadas de lela novamente.

Ficha técnica

Título: A soidade das nenas

Autora: Miriam Beizana Vigo

Ano de publicación: 2024

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 296

Prezo: 17,95 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.