Volver á casa e atoparse coas pantasmas. Hai moitos libros recentes que tratan esta temática, caso de O estado intermedio de Rexina Vega, A destempo de Silvia Bardelas, ou Para toda a vida, de Eva Moreda. Todos eles teñen en común que buscan reconstruír a memoria e ollar o pasado, ás veces con nostalxia pero moitas veces sen ela. A esta nómina únese A noite do oso, a recente novela de Abel Tomé coa que gañou o Premio García Barros 2024, e na que a poesía de Sylvia Plath tórnase protagonista.
Despois doutros premios como o Illa Nova de Galaxia ou o Merlín de Xerais, Tomé sorpréndenos nesta novela cun estilo moi poético, no que atopamos moitas metáforas e imaxes que nos levan directamente á poeta norteamericana, que se mimetiza coa protagonista, Alexandra Moure. A obra parte precisamente da volta desta á casa da infancia despois da morte do avó para asistir ao enterro, pero non vén soa, senón que agocha no coche un segredo que a leva a un pasado que quere esquecer e cunha dor que aflora en cada recuncho. Aí comeza a ser consciente de que “o medo ten un poder terrorífico”, pois ela descóbreo tanto na súa vida persoal como na do avó e todas as persoas das que comeza a saber máis neste regreso obrigado.
Ela volve, e aí, en Caim, comeza un camiño, que a enche de pánico, para indagar quen foi o seu avó, ao que alcumaban «O Oso». Entre historias da guerra e de nazis, refrenda que non debemos renunciar ás nosas orixes, a saber de onde vimos. Todo o que vive nesa vila ficticia pero con tintes reais mestúrase coa súa propia experiencia actual, recén saída dunha relación amorosa brutal no seu sentido máis literal. E é precisamente nesta ensamblaxe das dúas realidades, onde se sitúan as referencias continuas a Sylvia Plath, unha das grandes poetas que se suicidou metendo a cabeza nun forno deprimida por unha parella que a torturaba e coartaba, da que moitos coñecemos esa anécdota pero poucos a súa obra. Na novela de Tomé, igual que acontece na escrita de Plath, todo é terrorificamente belo, pois a poesía eclosiona nos recunchos máis inagardados, ata na morte. Tanto é así que eu pensei todo o tempo que estaba case que nunha longa carta a Sylvia Plath, a través da que revitalizar os seus versos e dárnolos a coñecer.
Unha delicia son tamén os fragmentos nos que reivindica a forma de vivir demorada, ese cortar a herba e a leña da avoa e da nai, esa forma de erguer unha vila nas mans. Aí tamén está a poesía, e tamén é onde o autor dá un salto grande a nivel estilístico se o comparamos coas outras novelas previas, como A noite do lobo.
Ficha técnica

Título: A noite do oso
Autor: Abel Tomé
Ano de publicación: 2024
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 190
Prezo: 19,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
