Os rituais da morte

A portada do libro presenta un ramo de flores vermellas cunha cor ocre. É o mesmo ton das follas secas nas árbores do outono, e dese xusto momento no que caen ao chan e se despiden do acubillo das pólas. Pareceravos estraño comezar así unha crítica, pero sempre me acontece que vexo os libros na cabeza, que os levo á emoción. E As despedidas, de Cecilia F. Santomé, é emoción pura, pois parte da morte do avó da narradora e reconstrúe un relato de todos os rituais que rodean a cerimonia do velorio e do enterro, adobiados con retallos da memoria, de xeito que se converte nunha homenaxe persoal, pero case universal, aos avós e ao que inflúen nas nosas vidas.

A morte do avó desencadea a novela, que se tece coma un gran novelo, un monólogo da protagonista consigo mesma e cara nós. Nesa conversa preséntanos ao avó, un home que, ao igual ca moitos da súa xeración, se fixo a si mesmo, e que entendeu a vida dunha forma sinxela e cunha gran sabedoría que lle transmitiu con ledicia aos que viñeron detrás. A historia desenvólvese durante setenta e dúas horas e transita maiormente por un espazo: a casa familiar, e o cuarto no que se vela ao morto. Nese lugar, que case parece un non lugar, a narradora describe o que vai vendo, o que fan a súa avoa e as súas tías e curmáns, e as persoas que entran novas na estancia coma a veciñanza ou outras amizades. A través desas visitas e dos propios rituais vainos relatando moitas das aprendizaxes que lle legou o avó, e tamén a forma de comprender a vida. Así, os capítulos son anacos desa memoria que a protagonista rescata e pon por escrito para lembra e reflexionar sobre unha forma de vivir demorada que desaparece con esa xeración. Coma cando describe ao avó durmindo a sesta baixo unha árbore despois de comer ata as catro da tarde, que era a hora na que lle tiña encomendado á neta que o espertase.

O libro aborda os primeiros momentos trala morte. Os rituais que se levan a cabo por parte dos familiares, e ese seguir para adiante ao que todos nos obrigamos. O humor co que está escrito fíxome pensar na mítica Cinco horas con Mario, de Miguel Delibes, obra á que a autora alude, pero rapidamente descubrimos diferenzas, expresadas na de Santomé na división por capítulos e nos diálogos, por certo, moi ocorrentes. Tamén me veu á cabeza Os mortos que amei, de Iria Collazo, e Os corpos fráxiles, de Sofía Ruvira, porque abordan a temática dos avós, aínda que os tres son moi diferentes tanto na forma coma no que buscan.

Malia que é interesante como exercicio memorialístico, a obra non contén grandes sorpresas. Quizais só a nostalxia dos que xa non están con nós. Nese sentido, agardaba máis.

Ficha técnica

Título: As despedidas

Autora: Cecilia F. Santomé

Ano de publicación: 2024

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 136

Prezo: 17,95 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.