“Cando unha non é fidalga, é dicir, de boa familia, nin ten o diñeiro suficiente para poder estudar, non estuda. E punto, sobre todo pasa isto cando unha é unha e non é un. As saias impiden todo, de sempre. Coan o aire polos baixos arrefriando as pernas, o cu e o que non é cu; amosan máis do que deben cando sobes a certa altura, deixan o corpo exposto á mancadura e, sobre todo, non serven para xogar ao fútbol, gabear polas árbores ou saír correndo atrás dos ananos faltóns para darlles de puñadas”.
Nestes días de chuvia e ceo gris, veume á cabeza aquela tarde de hai xa máis de dez anos na que eu descubrín a colección “Fóra de xogo” da Editorial Xerais, a través dun libro que se titulaba Asústate Merche. Desde ese día, a lectura comezou a tornarse imprescindible para min e esta colección, en particular, foi o meu bote salvavidas, cando quería atopar respostas ás incógnitas deses complexos anos da adolescencia. Por iso é moi gratificante ver que, anos despois, a colección segue ofrecendo referentes para que as rapazas e os rapaces atopen aventuras e se debatan sobre o propio mundo que os arrodea. E esta sensación de orgullo é aínda maior cando as propostas que chegan conteñen mensaxes renovadoras e imprescindibles para seguir traballando desde a base, é dicir, desde a educación en igualdade.
Os corpos invisibles, de Emma Pedreira, foi o libro que o xurado do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019 premiamos e que se publica agora nesta entrañable colección da que vos falaba antes. E nada é casual, a verdade. É necesario que desde as idades máis novas se teña conciencia do longo camiño que aínda temos que percorrer para recuperar os referentes femininos, en todas as facetas da vida pero, máis concretamente, na literaria. Eses corpos que o patriarcado se empeñou en facer invisibles comezan a saír do mundo dos mortos nun claro exercicio de xustiza poética e tamén vital.
A través do encontro de dúas mulleres aparentemente diferentes na época vitoriana, L. C, unha rapaza de quince anos que traballa nunha fábrica téxtil, e de Prometea Stoner, unha muller de familia acomodada propietaria dunha cadeira de rodas motorizada, as lectoras descubriremos que a loita polos dereitos das mulleres é universal. Cun argumento moi rico en matices e con diversas arestas, Os corpos invisibles preséntase como unha proposta de lectura ideal para o traballo nas aulas, pois permite que vaiamos tirando dos diversos elos e coñecendo a autoras que durante tanto tempo permaneceron no anonimato, caso de Mary Shelley, George Eliot, Jane Austen, Emily e Charlote Brontë, ou Christina Rossetti, entre outras moitas.
Cunha mensaxe moi necesaria, esta novela lese nunha soa tarde, non só pola orixinalidade da trama, senón tamén pola fermosa linguaxe coa que está escrita. Estou segura de que ninguén sairá indemne, pois é unha obra que deixa pouso e que indaga na responsabilidade que temos como sociedade para mudar a orde das cousas.
Ficha técnica
Título: Os corpos invisibles
Autora: Emma Pedreira
Editorial: Xerais
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 166