Se pensamos nos trazos máis habituais da literatura infantil, quizais o máis salientable sexa que a adoitan protagonizar animais, tomando como exemplo as tradicionais fábulas de Esopo pero sen unha moralexa obrigatoria. E é que os animais poden expresar sensacións humanas e axudar a fomentar a capacidade de empatizar da cativada. Iso obsérvase á perfección en dous títulos de Kalandraka que chegan a min xuntos: O Carnaval dos animais. Camille Saint – Saëns, de José Antonio Abad Varela e Joao Vaz de Carvalho, e Paxaros, de Natacha Ortega e Lucía Franco, libros ilustrados nos que a música ten unha importancia vital.
O Carnaval dos animais é un texto musicado a modo de orquestra, que se basea na vida de Saint- Säens, quen destacou por dar un concerto de piano cando contaba tan só 11 anos, e a sua obra máis recoñecida, O carnaval dos animais, Gran fantasía zoolóxica, mostrou o interese do autor pola cultura do seu tempo, ben sexa na pintura, filosofía, arqueoloxía e moitas outras ciencias. Esta publicación de Kalandraka réndelle homenaxe á creación deste compositor precoz, quen ousou parodiar algún dos fragmentos musicais doutros músicos para colocalos nun contexto moi distinto do orixinal. Concibida coma unha broma musical, Saint- Säens non contaba que esta obra fose recoñecida entre o público en xeral pero, como adoita acontecer, as expectativas non se cumpriron e a día de hoxe lémbrase coma un fito histórico, que rachou completamente cos moldes do que ata ese momento era a música. Neste libro, José Antonio Abad e Joao Vaz de Carvalho fan unha aproximación ben fermosa do que foi aquel Carnaval, no que os animais son protagonistas, co fin de que a cativada coñeza unha figura fundamental na música.
“Acabadas todas as presentacións, o León pediu que volvese a soar a música e, naquel mesmo instante, unha festa comezou”.
Moi relacionado co anterior, atopamos o álbum Paxaros, no que a palabra escrita en Uruguai se fixo canción e voou ata chegar a lugares moi afastados. Así, “os paxaros, cos seus sons tan variados, inspiráronnos para crear distintas formas de cantar o mesmo poema”. Concibido coma un libro para ler, contar e cantar, en Paxaros destaca moito a interpretación da música da man de Paco Nogueiras en galego, e tamén os valores que nos transmite, como a amizade e a liberdade especificadas nos paxaros como animais libres. A obra foi verquida dende o chileno ao galego da man do director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, e propón o xogo como encontro, ao tempo que destaca moito a gran variedade cromática, de estilo minimalista na que abondan as cores vermella, azul e rosa. A través delas, e dos textos, como lectoras caimos na conta da importancia dos soños na infancia, que é necesario reivindicar hoxe en día máis ca nunca.
“Soñade con nubes!”