O proceso creativo de… Arancha Nogueira

A poeta Arancha Nogueira

Neste mes de outubro, con motivo do #LeoAutorasOct, en Lecturafilia seguimos interrogando a autoras sobre o proceso da escrita, sobre o xerme que fai que unha idea (ou varias) pasen da mente ao papel. Hoxe é a quenda de Arancha Nogueira, autora ourensá, aínda que residente en Santiago dende hai varios anos. Licenciada en Xornalismo, cun Mestrado en Literatura comparada e Crítica Cultural, Nogueira ten publicados varios poemarios ben fermosos e nos que, en certa maneira, radiografía este presente caótico que nos tocou vivir: Dente de leite, #Hashtags para un espazo agónico, spleen en catro tempos e O único lugar onde ficar inmóbil.

Arancha Nogueira sincérase e envíanos este texto sobre o proceso creativo:

Cando fun interrogada por Lecturafilia ao respecto do meu proceso creativo (interrogada? que palabra tan violenta, non? se cadra, iso si, a que se interrogou fun eu) o primeiro que pensei foi: é caótico. Moi caótico. Coma min. Porque a miña escrita son eu que son a persoa e tamén a escritora, e iso é algo do que son plenamente consciente.

Pensei tamén: “agora mesmo non estou escribindo; talvez non debería contestar nada, porque que é unha escritora que non escribe?”. O meu proceso creativo, alén de caótico, é tamén un relato de ausencias e un peso grande do síndrome da impostora. Un peso grande.

Penso caótico e imaxínome no sofá co gato rabuñándome nos pés e o computador no colo, como agora mesmo, pero tamén me imaxino na cafetería da facultade (ai, cando se podía…), no tren carísimo Santiago-Ourense, na sala de espera do psicólogo, nunha terraza na praza de Mazarelos, na volta dunha festa triste.

Logo tamén penso que nese caos, que é caos porque eu son caos, hai algo de sistemático. Hai un caderno que levo sempre comigo, sempre sempre, nesas bolsas de tea branda ou na mochila ou na equipaxe de man, sempre comigo. Un caderno no que apunto todo, un caderno que tamén me anima a observar, un caderno cheo de anotacións varias, de citas de autoras que me atravesaron, de palabras, de versos, de ideas, de letras de cancións. Anotacións, iso si, caóticas. Pero o caderno está sempre, e substitúoo relixiosamente cando remata, e non deixo de levalo comigo. Talvez como resposta a esas ausencias, a esa necesidade de cronificar o que está pero non está dito, o que eu tampouco sei dicir pero penso que alguén debería dicir.

No caderno hai, ás veces, nomes de libros que non serán nunca. Hai un poemario que agarda por min desde 2015, pero non apareceu aínda, ou non aparecín eu, ou cadramos mal as datas. Pero está no caderno, por se acaso, como unha lenda ou un obsequio doutra liña temporal.

O outro día vomitei sobre o caderno (sen querer, non son tan tróspida). Porque o levo a todas todas partes, tamén ás máis escuras. Non sei se o meu proceso creativo é un mergullarme na ausencia, no que aínda non está nas páxinas pero sei que está faltando, e por iso o cargo, como unha misión inevitábel. Aínda que no medio da misión vomite ou tome café ou agarde ou tren ou procure a chuvia. Aínda que no medio lea moito e non escriba nada e escoite moita música e tamén escoite a moita xente e ás veces baile e mire cousas bonitas e menos bonitas que apunto tamén no caderno.

Caótica pero sistemática. Virgo coa lúa en Libra».

Foto de: Santiago R. Caramés

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.