Entrevista Arancha Nogueira: “Estou facendo unha lectura militante, na que apoio a arte creada por mulleres”

Arancha Nogueira, poeta e autora de "O único lugar onde ficar inmóbil"

Arancha Nogueira é unha muller brava, diría eu. Porque lle gusta o politicamente incorrecto, e porque se define como militante do feminismo e do espírito vexetariano, ideas que se consideran moi atrevidas aínda hoxe en día. Naceu en Ourense no ano 1989 e licenciouse en Xornalismo, ademais de realizar un mestrado en Literatura Comparada e Crítica Cultural, transcorrendo a súa vida entre cidades como Madrid, Porto, Belfast, e a súa Auria natal, que foi inspiradora de moitos dos seus versos. Durante este tempo, foi publicada en diversas antoloxías como Diario de Escalofríos, en 2008, ou Cuaderno de Legados, en 2010, así como en revistas literarias como a Revista Incendios, en 2011, o Fanzine As Lurpias (Día da Matria) en 2014, ou o Boletín Galego de Literatura en 2017. O seu libro máis recente é O único lugar onde ficar inmóbil, do que falamos con ela.

Pregunta (P): Por que escribir poesía?

E por que non? É unha pregunta complicada, xa que polo menos no meu caso, a escolla da voz poética como a miña voz non foi algo totalmente consciente. Comecei escribindo relatos, na infancia e adolescencia, e pouco a pouco fun pasando á poesía porque me parecía que era o xeito máis honesto de expresar o meu discurso. De todos xeitos, xa falando desde a opinión, penso que a poesía é unha forma de expresión brutal (no sentido máis literal da palabra): en moi pouco, un bo poema pode remover moito. É como un trebón que te deixa no sitio. Nunca deixarei de admirar esa capacidade da poesía, que penso comparten, por exemplo, certos tipos de música. Por suposto, outros xéneros teñen outras características e conseguen outras cousas nas lectoras (ou polo menos en min). Pero non podo evitar que a poesía sexa o meu predilecto por esa capacidade de abrir en canle a quen a le.

(P): Defíneste como moitas cousas, muller poeta, xornalista, crítica, investigadora, feminista, vexetariana, e ata cantante na ducha e louca dos afectos. Hai algo que me quedase atrás?

Definirse sempre é complicado, pero supoño que moitas cousas máis! Galega, trapalleira, sensible, lectora (moi lectora e moito lectora, mesmo antes que escritora), cu inquedo, de metabolismo lento… Pero hai certas cousas coas que presta definirse, porque son definicións políticas, que van para alén da descrición persoal. É por iso que tento resaltar sempre, por exemplo, que son feminista ou vexetariana. Etiquetas necesarias, por incómodas.

(P): Cal é o xermolo do poemario O único lugar onde ficar inmóbil?

O xermolo deste poemario foi, realmente unha desilusión tremenda con practicamente todo: comecei a escribir os poemas que agora conforman o único lugar onde ficar inmóbil nun momento duro na miña vida: de depresión, de incertidume e de soidade, e continuei escribindo sobre iso a medida que pasaba o tempo, a pesar de atoparme mellor, xa que estes últimos anos, a nivel social, foron tamén un enorme foco de desilusión. Iso tamén me axudou a comprender que ese estado de desesperanza non era só meu, senón algo compartido. Se ben comezou como unha decepción profunda por unha perda emocional, pronto esta se universalizou (se podo definilo así) como unha decepción xeral, con respecto ao que acontece ao noso redor, a como avanza o mundo, a este capitalismo e patriarcado salvaxes que nos oprimen, nos silencian, nos deprimen, nos angustian. E que están en todas partes, irredentos. Por iso penso que é un poemario moi deste momento, moi xeracional, se podemos definilo así.

(P): Reivindicas a lembranza do pasado e o pensamento no futuro. Como consegues esta ensamblaxe?

Penso que estar no presente implica precisamente iso. Non esquecer o que aconteceu e, con esa forza e esa raiba, loitar polo futuro. Estou pensando no feminismo cando digo isto, pero pode aplicarse a calquera proxecto na vida, e de feito no poemario aparece como unha loita da voz poética para sobrevir unha serie de perdas que a illan e a descolocan. Somos pasado, o que nos aconteceu, as nosas cicatrices e as nosas vitorias, mais tamén somos o que queremos facer con nós, as nosas decisións, as nosas escollas, non só a nosa mochila emocional. Esta idea é unha parte fundamental do substrato de o único lugar onde ficar inmóbil.

(P): O teu libro é moi feminista. Cres que o mundo deixará de ser machista e que se logrará a igualdade efectiva?

Outra pregunta moi complicada! Non sei que acontecerá, oxalá puidera sabelo (ou non): sei o que quero que aconteza e o que creo que pode acontecer. Desde logo, como feminista, non podo máis que avogar por un mundo e unha sociedade na que a opresión aos suxeitos que se socializan como mulleres deixe de existir por completo, tanto nas súas manifestacións máis visibles, como naquelas máis sutís, que acontecen no cotián das vidas de todas as mulleres, e que considero moi difíciles de erradicar mais igualmente nocivas. De todos xeitos, se son sincera, non creo que iso o vaian ver os meus ollos. Espero que, como sempre aconteceu coa loita feminista, e con todas as loitas pola igualdade, cada xeración vaia deixando terreo segado para as que veñen atrás, e pouco a pouco se vaian conseguindo máis e máis cousas. Cando a totalidade? Non o sei. Temos que loitar contra séculos de instauración do patriarcado en todas as esferas da vida, e iso non é algo que se poida conseguir rapidamente. Pero, por suposto, non perdo a esperanza. Hai que seguir loitando!

(P): Actualmente estás inmersa nunha tese de doutoramento dirixida por Manuela Palacios. Podes falarnos dela?

Claro! Estou facendo unha tese (ou tentando facela; por agora vai a trancas e barrancas) de poesía comparada de mulleres de Galiza e Irlanda. Trato en particular o discurso amoroso en ambas comunidades na poesía contemporánea, de xeito que poida ver un pouco como ese discurso foi mudando a raíz dos cambios que se produciron na situación social das mulleres tanto en Galiza como en Irlanda. Como bandeira, que o persoal é o político e que iso se reflicte nas manifestacións artísticas, nomeadamente na poesía. A profesora Manuela Palacios, a miña directora, deume moita liberdade para escoller a temática e a verdade é que estou moi contenta coa investigación, aínda que ás veces custe compaxinala co resto de labores.

(P): Cales son as persoas que admiras poeticamente falando?

Moitísimas! No estranxeiro, desde Wislawa Szymborska até Sylvia Plath, Ana Cristina Cesar, Grace Wells… Pero falando da nosa contorna, desde as autoras que son para min de cabeceira, como Pilar Pallarés, Luz Pozo Garza ou María Xosé Queizán, até autoras máis novas, da xeración dos 90, como Lupe Gómez, Emma Pedreira, María Lado ou María do Cebreiro. Digo estes nomes por dicir algo, xa que podería engadir Yolanda Castaño, Eli Ríos, Chus Pato, Susana Sánchez Aríns, Marilar Aleixandre, Luz Pichel, Andrea Nunes… que sei eu! Pero tamén quero deixar espazo para aquelas poetas da miña xeración (ou case; iso de xeración é bastante abstracto) ás que admiro moitísimo e que están facendo cousas que me parecen impresionantes: desde Tamara Andrés até Lara Dopazo, pasando por Nuria Vil, Lorena Conde, Míriam Ferradáns… (e máis, claro, e sempre máis)! Menciono só mulleres moi conscientemente, xa que por suposto coñezo e leo autores homes de todas as xeracións que comentei, pero creo que teñen abonda visibilización, e ademais dun tempo a esta parte estou facendo unha lectura máis militante, na que reduzo ao mínimo expoñente as obras de homes (xa foron moitos anos de só lelos a eles) e decántome por apoiar, como lectora e oínte, a arte creada por mulleres.

(P): Chamoume moito a atención a presenza de Frida Kahlo nalgún dos poemas incluídos en O único lugar onde ficar inmóbil. Que simboliza para ti?

Frida Kahlo é ese icona feminista compartido (eu creo que moi compartido, por diversos tipos de feminismos, e polas mulleres en xeral: é icónica) pero que a un tempo é tremendamente contraditoria. Esa contradición, que está moi presente no libro, e que quixen resaltar tamén como un xeito no que a voz poética experimenta o feminismo, interésame moitísimo. Sempre que penso en Frida Kahlo o primeiro que me vén á mente é ese cadro das dúas Fridas: unha, libre, poderosa, orgánica; a outra, sumisa, vulnerábel, case indefensa. Supoño que esa loita, esa tirantez, é un pouco experimentada por todas as que imos aprendendo de feminismo, porque o feminismo é sempre unha aprendizaxe. Mais tampouco me parece vergonzosa, senón necesaria. Son tamén esas contradicións, ese desdobramento, o que nos fai o que somos. As nosas escollas, os nosos obstáculos, as nosas loitas persoais. De aí que a figura de Frida Kahlo estea presente no libro.

(P): Unha faceta moi importante é a túa colaboración coa Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega. Como decides as túas lecturas e a forma de falar delas?

Entrar n’A Sega foi un paso para min moi importante, xa que me permite aprender ao carón dun grupo de mulleres que admiro e que á súa vez tamén teñen ganas de aprender colectivamente, e por outra parte me ofreceu a posibilidade de facer crítica literaria abertamente feminista, algo que non é posible noutros espazos. Como xa comentei antes, dun tempo a esta parte estou facendo unha escolla consciente só por autoras, por unha vontade de visibilización de títulos que non se atopan escaparates da maioría das librarías, e a verdade é que esta escolla militante me está levando á descuberta de autoras marabillosas que non tería coñecido se me deixara levar polo que é máis doado de conseguir. Así mesmo, a ollada feminista permite unha crítica que observa a creación de personaxes e voces, os seus xéneros e as relacións que se establecen entre eles, a presenza de estereotipos, a reprodución de canons sociais… e polo tanto, enriquece tremendamente a crítica literaria.

(P): Na túa experiencia como poeta tes gañado diferentes premios. Que lugar ocupan na túa vida persoal e profesional?

En primeiro lugar, os premios supoñen recoñecemento e azos para continuar escribindo. Pero tamén cartos, algo do que non se fala moito pero é tremendamente importante. A maioría das escritoras vivimos nunha situación de completa precariedade, na que temos que compaxinar a nosa labor creativa con outros traballos e na que moitas veces se considera que facemos isto “por amor á arte”. As remuneracións económicas son imprescindíbeis para facer da vida de escritora unha vida digna, como a de calquera outra traballadora.

(P): A poesía é unha arma cargada de loita e de revolución, de forza para cambiar o mundo, pero tamén serve para falar das propias inquedanzas. Como concibes ti a escrita?

Un pouquiño como as dúas cousas, e aí volvo ao de que o persoal é o político. A poesía é para min, por suposto, un xeito de expresión de moitas cousas que me desacougan, que observo, que penso, e que materializo na escrita. Mais estas cousas non son só pensamentos persoais ou sentimentos individuais, senón que forman parte de toda unha estrutura de funcionamento do mundo, da sociedade, das relacións interpersoais, dos xéneros… Supoño que a ollada coa que se tratan é evidentemente persoal e está tinguida pola experiencia ou a reflexión, mais a capacidade de identificación que crea noutras persoas que experimentan cuestións similares é o que penso que fai a poesía universal, e que polo tanto tamén a converte en pulo para a acción.

(P): Como ves o panorama poético a nivel mundial e galego? Cres que as novas voces farán que a poesía chegue a máis persoas?

A verdade é que vexo o panorama poético excelente, non tanto a nivel de visibilización como de produción. No caso galego, creo que a pesar de tratarse dun sistema literario minoritario e periférico, a situación da poesía é marabillosa. A produción é grande, estanse a facer moitas cousas que eu cualificaría como vangarda poética e que me interesan moitísimo e ademais penso que as novas poetas mulleres galegas teñen unha calidade excepcional. Vivimos tamén nun momento no que estas novas poetas se entrecruzan con aquelas que levan escribindo desde mediados do século pasado, e esa intersección paréceme tamén moi interesante. Mágoa que moitas desas persoas que están a día de hoxe producindo moito e moi interesante non cheguen aos circuítos das grandes editoras, que publican basicamente os mesmos nomes e que silencian a unha parte da poesía galega actual que eu considero moi válida (e aí entra o tema da visibilización). Porén, tamén me interesan as estratexias de representación que se empregan alén do circuíto editorial, que á fin é un negocio: desde o mundo do fanzine á autoedición, a aposta por editoras pequenas (como é o meu caso), a poesía oral, a performance… Moitas das autoras que nomeei anteriormente nesta entrevista utilizan estes medios para espallar a súa obra, e penso que tamén a súa existencia fai que a poesía se estenda para alén do reducido público tradicionalmente lector de poesía. Polo tanto, si, penso que as novas voces están facendo moitísimo polo rexurdimento da poesía e por desencaixala do seu nicho, o cal sempre é favorábel (nada peor que facer sempre o que se fixo sempre).

(P): Xa están avanzando en novos proxectos dos que nos poidas falar?

A segunda edición de o único lugar onde ficar inmóbil xa está aquí: estes días estiven presentándoo en Vilagarcía e en Ourense e o vindeiro 7 de xullo presentareino en Vigo, no Uf, acompañada de Silvia Penas, da cantautora Sanny e dalgunha que outra sorpresa (aconséllovos que veñades). Alén diso, estou preparando algo para unha antoloxía, comezando co mundo da literatura infantil e teño en mente algunhas cousas para un vindeiro libro, aínda que todo vai moi paseniño, porque entre a tese e as presentacións case non teño tempo para escribir!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.