spleen en catro tempos

Arancha Nogueira, autora de "spleen en catro tempos"

Habitamos un tempo no que non cabe o silencio e, a pesares diso, precisamos máis ca nunca del. O ritmo frenético da actualidade lévanos a non saber onde estamos, a querer apropiarnos de espazos sen apenas gozalos, a facer alarde dunhas vidas impresionantes de cara á galería pero baleiras de contido na súa esencia. É por iso que algunhas persoas indagamos noutras formas de vivir, de concibir o mundo e de achegarnos ao que os nosos avós defendían: que a vida debería ser unha busca incesante da felicidade e un goce do camiño que nos leve ata ela.

Pasaron xa uns meses desde que collín por primeira vez nas mans o libriño spleen en catro tempos, que merquei despois daquel festival de poesía do Entreverbas que se celebrou nunha pequena vila de Salceda de Caselas (Pontevedra). A autora, Arancha Nogueira, foi unha das poetas convidadas a esta festa da palabra e de reivindicación da cultura neste espazo rural vivo. Eu, que nunca a escoitara recitar, fiquei absorbida. Os meus irmáns, que non adoitan asistir a este tipo de ‘saraos’, confesáronme á saída o moito que lles impactara Arancha, e nese momento, eu sentín a necesidade de facerme con este spleen que, unha vez na casa, lin coma unha tola, buscando o silencio e reclamando os espazos propios que tanta falla nos fan. Creo que non atopei aínda un libro que fose quen de facerme estremecer falando de cousas tan reais e de desexos compartidos, dese interior das casas nas que aínda aniña a calma e o sosego e ese exterior que parece fagocitarnos.

O spleen que teño entre mans é a reflexión e o debate que xermola na cabeza dunha persoa que habita unha cidade que se converte a pasos axigantados en turística e o que iso implica para a sociedade. A autora ourensá fala neste libro, galardoado co accésit do Premio Francisco Añón de Poesía en 2018, dese mundo que desaparece e do outro que o substitúe, pero sen ningunha acritude e, en certos momentos, cunha boa dose de retranca. Neste caso, a súa poesía atópase moi apegada ao contemporáneo, e de aí que faga uso de conceptos moi recentes que nos levan a pensar que este poemario simboliza, en certa maneira, unha radiografía do mundo que habitamos.

nunha rúa de apelido indíxena

de bares xordos de cervexa quente

no tránsito da decadencia

bicarte coa emoción dun camiñante

coa meixela esvaecida de turismo”.

Mais non pensedes que este spleen é só iso, senón que todos os poemas transpiran un aire de homenaxe ás pequenas historias, a aquelas que se agochan tras das ventás e das portas, neses pequenos espazos nos que non o imaxinariamos. Precisamente aí, no cotián, é onde se sitúa este libriño que chegou á miña vida para facerme pensar na necesidade que temos de novos espazos, dun silencio que nos permita ir cara adiante sen deixar de lado as nosas orixes. Sen dúbida, unha proposta do máis acaída para os nosos días.

Ficha técnica

Título: spleen en catro tempos

Autora: Arancha Nogueira

Editorial: Toxosoutos

Ano de publicación: 2018

Número de páxinas: 54

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “spleen en catro tempos

  1. Leer poesía resulta ,a veces,perezoso y un poco dificil.”Spleen en catro tempos” de Arancha Nogueira invita a leer y releer estas historias cotidianas. Un buen poemario!

    Me gusta

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.