1[14]1, de Alberte Momán

Alberte Momán, autor do poemario bilingüe "Tripas"

Na nosa vida todo é cuestión de etapas. Tamén as lecturas. Por iso este ano medra en min a busca de poemas que sexan en si mesmos unha loita, un berro ante a inxustiza e que, ao mesmo tempo, me fagan amar aínda máis a palabra escrita.

Nesta etapa revolucionaria (que, por certo, non quero abandonar xamais), topo de novo coa poesía de Alberte Momán, quen xa me conquistara con Tripas. Desta volta, baixo o excéntrico título de 1[14]1, asistimos ás súas inquedanzas, que tornan sempre na busca dunha explicación ao fenómeno da exclusión.

Recoñezo os rostros daqueles que desconfiaran de nós

por non asumirmos as súas mesmas ambicións. Eles son

os outros. Unha referencia vaga, ambigua, unha forma

de describir esoutras fronteiras que nos posicionan. Xa

non lembro quen designara primeiro a nosa situación.

non recordo quen puxera nome á exclusión e con que

propósito”.

Uns versos que defenden o dereito dos pobos e das persoas a ser quen sempre foron, unha característica que atopa certo sentido na actualidade, cando estamos cada vez máis sometidos aos mandados da globalización e dos imperios capitalistas cuxo eixe de actuación semella rematar coas identidades, tradicións e culturas minoritarias. Lendo a este poeta ferrolán defendo o noso dereito á queixa, ao berro. Ante as inxustizas sempre nos quedará a palabra escrita como mecanismo de protesta, unha técnica que me leva a pensar inevitablemente nos xornais clandestinos que se espallan sempre cando as guerras.

Sabede: poderán roubarnos case todo, pero o dereito a pensar non. E a poesía tórnase, cada día máis, unha arma cargada de futuro, que se afasta dese cariz que lle quixeron dar de sentimental para atender a todas as causas e poñer o foco nas inxustizas. Alberte Momán eríxese como un claro representante desta tendencia, cunha poesía moi apegada á prosa tanto no estilo como na forma, e co obxectivo de servir de fin. El, como bo poeta e observador da realidade, emprega a literatura para tentar mudar a orde das cousas.

O exilio como segredo normalizado e normativizado.

Desaprender é, tamén, loitar contra o silencio”.

Ficha técnica

Título: 1[14]1

Autor: Alberte Momán

Editorial: Belagua

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 101

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.