Celia Recarey é unha das dúas patas da editorial Irmás Cartoné, recoñecida sobre todo polas traducións de clásicos á lingua galega. Licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e tras unha extensa experiencia no sector editorial, decidiu aventurarse xunto a Carlos Valdés nun proxecto motivador tanto profesional como persoalmente. Amais de editora, Celia é a autora das traducións ao galego de clásicos como A señora Dalloway de Virginia Woolf, O conto da criada, de Margaret Atwood,ou Canción de solpor, de Lewis Grassic Gibbon.
Pregunta (P): Como xorde a idea de fundar Irmás Cartoné?
Irmás Cartoné é a forma que finalmente adoptou un proxecto que, dun xeito ou doutro, sempre formou parte das vidas profesionais das dúas persoas que o fundamos: Carlos Valdés e mais eu. En ambos os casos, os dous dedicamos practicamente toda a nosa vida profesional ao mundo do libro: coñecémonos nun máster de Edición en Madrid no ano 2001-2002, cando eu empezaba a facer as primeiras encargas de tradución editorial e Carlos levaba xa un tempo traballando como colaborador para distintas editoriais. Despois diso coincidimos traballando para o Grupo Santillana, como editores de mesa de contidos educativos. E supoño que, a forza de dedicarlle tempo e esforzo a traballar textos escollidos por outros e de funcionar dentro da maquinaria dun gran grupo editorial, foi aumentando a gana de aplicar ese coñecemento gañado a algo que nos procurase máis satisfacción persoal, que se adaptase máis aos nosos intereses. E pouco a pouco, despois de pasar por moitas fases de reflexión e vicisitudes de todo tipo, foi nacendo o que hoxe é Irmás Cartoné.
(P): Cales son os criterios que tedes en conta á hora de decidir que libros traducides e publicades?
Como dicía antes, Irmás Cartoné é un proxecto moi persoal e iso reflíctese no noso catálogo: a intención foi, desde o inicio, facer a nosa humilde achega ao sistema literario galego traducindo obras «clásicas» da literatura universal, pero tomando esa categoría de «clásicos» dunha maneira máis persoal que canónica. Si que hai certas liñas temáticas, ademais de estéticas, que guían as nosas escollas: traballo, muller, cambios sociais…
«Eu creo que nun sistema literario e editorial san, normalizado, deben traducirse todo tipo de obras»
(P): A día de hoxe, e en Galicia, resulta case unha labor titánica conseguir levar unha editorial adiante. Como é o voso día a día? Hai futuro?
Sacar unha editorial independente adiante foi un labor titánico sempre; unha editorial en galego, e dedicada a publicar traducións, máis aínda, se temos en conta o difícil que é, xa non producir os libros, senón que estes obteñan un mínimo de visibilidade nas librarías: se as que lle dedican algo de espazo ao libro en galego son escasas, imaxina cantas hai dispostas a facerlle sitio á produción dunha editora galega independente. Pero aí seguimos, na loita. Precisamente por iso, pola dificultade de sacar adiante unha editorial como a nosa, ambas as Irmás Cartoné seguimos dedicando parte do noso tempo a colaborar con editoriais máis grandes de ámbito estatal ou con outro tipo de empresas facendo traducións e servizos editoriais. O noso día a día pode ser un tanto caótico ás veces, pois imos saltando de función e actividade segundo toque: agora traduces unhas páxinas do novo título de Irmás Cartoné, agora avalías uns orixinais para o premio Alfaguara, de aquí a un anaco traduces unha película para Netflix, unha novela histórica ou un ensaio para a filial dun gran grupo e mañá traballas no deseño das cubertas do seguinte título Cartoné mentres sacas tempo para ler algún dos títulos que barallas sacar para o ano que vén; todo isto mentres atendes como podes as redes sociais da editora, pelexas con burocracias varias e lle dás voltas á cabeciña para conseguir que os teus libros se vexan e se vendan. Vamos, que o que é aburrirnos, non nos aburrimos case nunca.
Que se hai futuro? Igual pode parecer contraditorio despois de falar do difícil que é sacar isto adiante, pero eu quero crer que si, que pode haber futuro, que nas nosas mans (nas de todas) está facer que o haxa.
(P): A vosa forma de traballar prima moito o deseño e a simbiose entre o contido e a estética. Que queredes conseguir cos libros e coas axendas ou cadernos literarios?
A nosa intención é crear un produto, ante todo, accesible e atractivo, que atraia tanto por dentro como por fóra, pero que non intimide, por así dicilo. Facer libros bonitos a 30 euros é unha cousa relativamente doada, facer libros bonitos por menos de 20 é bastante máis difícil, pero é algo que quixemos facer desde o principio, porque cremos que para o libro galego o primordial, a día de hoxe, é atopar lectores, e non cremos que iso se consiga facendo libro de «luxo».
A idea das axendas e dos cadernos veu motivada por dous factores: dar a coñecer Irmás Cartoné como marca e, sobre todo, o puro pracer de facer produtos de papelaría que nos gustasen.
(P): Recentemente vés de traducir ao galego un dos libros máis recoñecidos da gran Virginia Woolf, A señora Dalloway. Que supón para ti como tradutora e editora traer esta obra á nosa lingua?
Traducir unha autora que admiro como Virginia Woolf supón un privilexio e unha responsabilidade. Lembro que unha vez lle oín a alguén, non sei xa a quen, que o tradutor ve en pixama a ese autor que o público ve en traxe de gala. E algo de certo hai niso: cando traduces estableces coa autora e coa obra unha relación de intimidade que, segundo a miña experiencia, non estableces cando les. Ler A señora Dalloway, por exemplo, supuxo no seu momento un punto de inflexión na miña vida lectora, pero traducila procuroume unha experiencia moi distinta, na que, ao pracer que fora a lectura, se foron sumando outras moitas emocións, desde a curiosidade á frustración, pasando pola admiración renovada e até, por estraño que poida parecer, a sensación de complicidade coa autora.
Como editora é unha satisfacción enorme poder ofrecerlle ao público galego unha obra deste calibre por primeira vez na historia.
«Cremos que para o libro galego o primordial, a día de hoxe, é atopar lectores, e non cremos que iso se consiga facendo libro de luxo»
(P): Seguindo coa túa labor como tradutora, que opinas do exercicio desta profesión? Cres que se valora como se merece?
A tradución é unha desas actividades culturais que son imprescindibles para calquera sociedade pero que a pesar diso (ou mesmo talvez por iso, quen sabe) non parecen valorarse nin visibilizarse. A tradución literaria, que é seguramente na que case todo o mundo pensa cando se fala de tradución, a tradución máis glamourosa, digamos, é, no entanto, o tipo de tradución peor pagado e, en moitas ocasións, menos valorado. E, curiosamente, moitas veces quen menos o valora é quen máis debería facelo.
(P): Que podemos as persoas lectoras facer para axudar na visibilización da profesión do tradutor/a?
Ler, ler e ler. Ler o que as profesionais facemos e ler os nosos nomes, lembrar que cando ledes a obra de calquera autora ou autor estranxeiro nos estades lendo tamén a nós. E lembrar isto non só cando vos parece que algo falla na tradución, senón cando non vos acordades de quen a fixo (nin da súa familia) porque a lectura vos resulta fluída e agradable; porque a nosa man está aí sempre, cando credes que erramos pero tamén cando acertamos.
(P): Lembras como comezaches a túa andaina como tradutora? E a primeira obra?
Lembro que a primeira tradución pola que me pagaron na miña vida foi alá polo ano 1998, cando aínda nin rematara a carreira de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo. E a primeira tradución literaria que publiquei foi unha colección de relatos de Rudyard Kipling, que era o meu proxecto de fin de carreira, e que publicou a editorial Ir Indo no ano 2001 ou 2002.
(P): Como é o traballo diario dun tradutor/a?
O traballo diario pode variar moito segundo o que se estea a traducir. Cada tradución ten as súas propias esixencias e dificultades, hai traducións que requiren documentarse moito para dar coa terminoloxía adecuada e outras nas que talvez a documentación non é tan complexa, pero precisas traballar con moito coidado o estilo; hai días que fas unha morea de páxinas e días nos que botas horas para dar coa maneira adecuada de traducir unha frase concreta. É un labor esixente, un tanto solitario ás veces, pero, para unha mente curiosa, apaixonante case sempre.
(P): Que libros sentes que é preciso traducir á nosa lingua?
Eu creo que nun sistema literario e editorial san, normalizado, deben traducirse todo tipo de obras. Os sistemas culturais deben ser algo vivo, permeable, capaz de comunicarse con outros sistemas, tanto exportando as súas creacións como importándoas. Para min é unha alegría cada libro que se traduce ao galego, creo que cada tradución á nosa lingua é un pasiño que damos cara á súa normalización.
(P): Cres que sería posible a existencia dun sistema literario que se sostivese por si mesmo sen axudas á tradución?
Probablemente non, como non sería posible soster unha rede de estradas sen o apoio do Estado. O caso é que, por algún motivo, ás actividades culturais en xeral bótaselles moito en cara o de recibiren axudas cando probablemente son dos sectores produtivos que menos axudas reciben. No caso da tradución, por exemplo, a Xunta de Galicia dedícalle á tradución ao galego uns 120.000 euros anuais; esas subvencións axudan, por suposto, pero non son como para sacar o sector da precariedade na que se move nin para garantir a súa supervivencia.
(P): E volvendo á labor como editora, cales son os próximos títulos que veremos en Irmás Cartoné?
Nestes días acaba de saír ao mercado O conto da criada, de Margaret Atwood e ao longo deste ano irán saíndo O inferno, de Henri Barbusse, David Golder, de Irène Nemirovsky e Martin Eden, de Jack London e algunha cousiña máis.