Dentro da literatura

Suso de Toro, autor do ensaio "Dentro da literatura"

Confésoo. Son unha coleccionista empedernida deses libros que chaman por min desde os andeis dunha libraría. E confeso tamén, con orgullo, que ás veces busco o encontro cos libros para que sexan eles os que me conquisten. Confeso, unha vez máis, que son culpable de atopar sosego nas historias que agochan os libros, e que sempre salvan os días malos.

Con todas estas confesións tan persoais, supoño que a ninguén estrañará que o Día do Libro me deixase levar por un libriño moi especial: Dentro da literatura, de Suso de Toro, unha especie de defensa e homenaxe á lectura e ás persoas que, cada vez en menor cantidade, gozamos dela. E o certo é que non achei mellor forma de conmemorar unha data que para min supón unha celebración, por canto podemos reivindicar o papel que os libros deberían ter para o crecemento dunha sociedade. Unha efeméride chea de significado para as persoas que cremos (nostálxicas nós) que aínda é posible que o mundo cambie coa lectura.

Aínda que fuxa de sentimentalismos, Suso de Toro é un nostálxico, unha persoa que sempre amou os libros, aínda que cos seus máis e menos. O que fai neste breve ensaio é xerar o debate sobre moitísimos asuntos relacionados coa lectura, para facernos pensar moito sobre o papel que como sociedade temos no mantemento da mesma. Un debate que, como non ía ser doutra forma, el abre en clave nacionalista, poñendo sobre a mesa os problemas que desde sempre, e máis hoxe, atravesou a literatura galega, que parece que nunca acabou de despegar e, cando o fixo, foi co compromiso de persoas con conciencia política. Mais non pensedes que estamos diante dun libro pesado, senón todo o contrario. Atopamos aquí reflexións moi persoais, mesmo confesións íntimas do que para o autor supón o acto de ler e o prezo a pagar. Tamén referencias á literatura comprometida, á escritura xuvenil, á liberdade do autor/a, ao papel das bibliotecas, a necesidade ou non dun canon ou dos libros clásicos, a visibilización da literatura escrita por mulleres ou persoas dun país deostado…

Leo, pois, este libro coma un ritual: o da celebración, e lembro a sensación da descuberta, realizo unha análise individual do momento primeiro no que fun consciente de que a miña vida non podería ser concibida sen a literatura. Non me lembro, pero recoñézome en cada unhas das palabras coas que De Toro define a lectura.

A palabra escrita crea un tempo propio, unha especie de momento presente que fica inmobilizado aí para ti, para min, para calquera que lea ese texto. A palabra escrita é como en conserva, como deshidratada e en po a agardar neste envase do libro a que ti lle deas vida con eses ollos teus, meus, que reparan estes riscos de tinta sobre papel. O teu ollar levanta as palabras e se les en alto, entón dáslles, dámoslles a vida completa a estas palabras que agardan por alguén que estás a resultar ti”.

Saboreo cada palabra, cada reflexión, cada alusión aos autores e autoras dos que el aprendeu algo, das referencias á vida dos escritores e do que supón a elección dos temas sobre os que crear historias. Mentres lía realizaba unha introspección na que indagaba no fermoso acto de descubrirte noutras historias, na palabra escrita. E fico abraiada, sobre todo pola lucidez coa que o autor (me) explica a vida. Converso co libro, asinto moitas veces, ergo a vista cara ao infinito moitas outras, e sorrío ao compartir referencias.

A capacidade de Suso de Toro neste libro é, precisamente, falar da profundidade e dos asuntos máis complexos da literatura desde o cotián, cunha prosa que transpira sinceridade e moita liberdade, ademais dunha lucidez que só posúen os autores que xa levan moito neste oficio de escribir.

Os lectores tamén somos persoas que gustan de fugarse da vida cotiá a mundos de imaxinación e que sabemos que lendo gañamos momentos de serenidade, reordenamos o noso mundo íntimo e defendemos, reforzamos e ancheamos o noso espazo interior, fortalecemos o noso eu”.

Ficha técnica

Título: Dentro da literatura

Autor: Suso de Toro

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 189

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.